Proposición de Lei de Responsabilidade Social

Publicado por o día 17/10/2018 na sección de Política,PSOE

Proposición de Lei de Responsabilidade Social

A portavoz de Facenda do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, presentou hoxe unha proposición de Lei para o fomento da responsabilidade social en Galicia. O obxectivo é regular a Responsabilidade Social no sector público e privado e fomentar o emprego de calidade, respecto ao medio ambiente, integración social e transparencia no goberno.

Explicou que os socialistas galegos defenden “unha sociedade máis xusta, ademais de social, medioambiental e economicamente sostible” regulando tanto ás entidades públicas como ás entidades privadas socialmente responsables. Explicou que esta iniciativa segue a regulación aprobada no Estado, así como a Estratexia 2030 da UE para que tódolos estados membros participen destes mesmos obxectivos.

A responsable socialista sinalou que esta norma busca, a nivel de emprego, fomentar a mellora de condicións laborais, o impulso do emprego estable, da formación continua, o diálogo social ou o autoemprego en condicións adecuadas. Dende o punto de vista social, os criterios son a inclusión de colectivos desfavorecidos, a igualdade de xénero e igualdade de trato e de retribucións e o impulso de conciliación familiar e laboral e a accesibilidade.

Tamén quere premiar ás empresas e entidades que dirixan os seus esforzos na redución do impacto medioambiental e a pegada de carbono, defendan o consumo responsable e a preservación do ecosistema, a paisaxe e o patrimonio natural.

Finalmente, dende o punto de vista da calidade de goberno e transparencia, impulsa a aplicación de códigos éticos, a transparencia na xestión, a mellora da calidade, a redución de cargas administrativas ou a contratación pública socialmente responsable.

Plan Galego

Rodríguez Rumbo explicou que esta proposición de Lei diríxese especificamente ao goberno galego para obrigar á elaboración dun Plan Galego de Responsabilidade Social a modo de instrumento de xestión da administración autonómica. Tamén obriga a presentar unha Memoria Anual, a constitución do Consello Galego de Responsabilidade Social e a organización dos premios de Responsabilidade Social de Galicia, como medio de impulso destas prácticas.

De cara ás empresas, propón “premiar” a incorporación de aspectos éticos, sociais, laborais e medioambientais nas entidades galegas, establecendo un distintivo específico, un rexistro de entidades que respecten estes criterios e que sexan polo tanto acredoras de beneficios á hora de por exemplo contratar coa administración.