Proposta de retirada de distincións fascistas presentada hoxe en Rexistro polo deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal

O deputado de Cultura e Lingua presentou hoxe unha proposta para a retirada de seis distincións outorgadas durante a ditadura
Publicado por o día 18/07/2016 na sección de Deputación de Pontevedra,Pontevedra,Vigo

Proposta de retirada de distincións fascistas presentada hoxe en Rexistro polo deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal

O responsable provincial anunciou a celebración dun Pleno da memoria no que homenaxear a traballadores e políticos provinciais represaliados no mes de novembro. 

O deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, presentou hoxe unha proposta para que o Pleno da Deputación de Pontevedra retire seis distincións outorgadas durante o Franquismo pola institución provincial a diferentes figuras que colaboraron activamente co Alzamento e co Réxime. O nacionalista propón a retirada do nomeamento de José Calvo Sotelo como fillo predilecto da provincia; de José Solís Ruíz e de Pedro Nieto Antúnez como fillos adoptivos; da Sección Femenina de FET y de las JONS e José Solís Ruíz como posuidores da Medalla de Ouro da provincia; e de Francisco Franco como Presidente Perpetuo.

O responsable provincial considera que “é de recibo” que haxa acordo entre todos os grupos da Corporación provincial, incluído o PP. De feito, explicou que, se ben existen máis distincións concedidas durante o Franquismo, só son seis as propostas de retirada para chegar a consenso. Segundo dixo, as distincións escollidas son as que fan as referencias “máis ‘sangrantes’ e duras”: “Esta é unha proposta en aras de que se consiga unanimidade. Poderíanse ter retiradas todas? Si. Foi unha opción que barallamos, pero optamos pola opción da unanimidade. Creo que hai que continuar con esa liña de acordo unánime coa moción inicial do BNG. Queremos que a haxa tamén nesta segunda moción”.

O deputado de Cultura explicou que as distincións a retirar outorgáronse no seu momento aos seus posuidores por ser ‘protomártir de la Gloriosa Cruzada Nacional’, ‘intérprete más fiel de las directrices y consignas del Caudillo’, ou por ter unha ‘valiosísima intervención en los primeros días de nuestro Glorioso Movimiento Nacional’… “É dicir, por cumprir consignas que foron reprender á xente, facer que houbese medo e en moitos casos que que moita xente morrera nas cunetas, algo que non se debe esquecer nunca porque esa xente debe estar na memoria”, asegurou Leal.

“Agardamos aprobar por unanimidade que Francisco Franco non sexa ‘Presidente Perpetuo’ desta Deputación por máis tempo”, dixo, “posto que moita xente descoñecía que ostentaba ese cargo, e é de xustiza retirar ese acordo. Non debería haber problemática por facelo, porque o feito de que un ditador teña unha presenza perpetua nunha institución democrática non colle na cabeza de ninguén. Outros estados xa teñen desenvolto actividades neste eido para borrar a súa pegada, e non deixa de ser unha pegada que fai dano ás vítimas. Quero ser categórico porque aquí estamos dignificando ás vítimas e á democracia, que é o importante. Non é de recibo que en pleno século XXI se dea esta situación”, salientou.

Leal presentou a proposta coincidindo coa celebración do 18 de xullo, día no que este ano se conmemora o 80 aniversario do alzamento fascista que rematou coa democracia da República e impuxo un réxime ditatorial. “O de hoxe é un acto de xustiza que escenificamos no Pazo Provincial, un lugar tamén simbólico, posto que no salón de plenos xulgouse a moita xente e o Edificio Administrativo serviu como cárcere para confinar ás persoas xulgadas antes dos xuízos sumarísimos”, dixo, para engadir que todo o mundo debe saber que os edificios da Deputación teñen “un pasado escuro” e foron espazos nos que actuou a represión e nos que se tomaron decisións moi importantes e negativas, “como a morte de Bóveda”.

Ano da Memoria

O responsable provincial de Cultura asegurou que a súa proposta fai cumprir o acordo plenario que decidiu por unanimidade -a través dunha moción do BNG- que neste Ano da Memoria “se condene o franquismo e todo o que conlevou, se desenvolvan actividades para conmemorar e homenaxear ás vítimas, e se retire simboloxía e condecoracións ás persoas que colaboraron máis activamente co Réxime e o Alzamento”.

“Queremos que este ano sexa moi relevante, como xa o foi o Ano da Memoria organizado polo bipartito da Xunta, sendo Luís Bará director xeral de Creación Cultural.

Agora cúmprense 80 anos e, por desgraza, hai que celebralo, pero é un acto de xustiza.

Estamos cumprindo un mandato dunha Corporación do século XXI e agardamos que a Deputación sexa un referente na dignificación e na recuperación da memoria da xente represaliada”, asegurou.

Leal lembrou que ao longo deste ano a Deputación Provincial está a apoiar actividades de memoria histórica dende o departamento de Cultura e Lingua. Por unha banda, coas subvencións do Ano Castelao, que están próximas a fallarse, nas que un dos puntos  que máis se valoraban eran as actividades sobre a memoria. Por outra banda, a través do Pontegal, liña á que diversas asociacións de memoria presentaron documentais e tiveron preferencia á hora da súa selección para a programación dos concellos. “Sei que moitos concellos de toda a provincia aproveitaron actos de conmemoración da memoria histórica para presentar diversos documentais. É importante traballar en todas as frontes, tanto na propia Deputación como coas actividades nos concellos, e hai que dicir que Pontevedra é a provincia máis activa no que se refire á memoria histórica, tendo aquí a Luís Bará, que para min é o grande referente a nivel nacional galego do estudo sobre a memoria”, sinalou.

Ademais de aprobar en Pleno o vindeiro día 29 de xullo a retirada de distincións, a Deputación tamén pretende ter tamén un papel activo o 18 de agosto, día de Galiza Mártir. “Ímonos poñer á par dos actos que se desenvolven nos concellos de Pontevedra e Poio”, asegurou Leal. Tamén anunciou que no mes de novembro se celebrará un Pleno conmemorativo para homenaxear ás vítimas que foron represaliadas na propia Deputación de Pontevedra, “tanto traballadores como políticos”. Non será o acto final do Ano da Memoria, xa que se está a valorar tamén a instalación dunha placa conmemorativa.

Descargar (PDF, 798KB)