Protagonistas infantís na mañá de actos polo Día da Muller no Concello de Mos

Os fillos das traballadoras e corporativas municipais visitaron ás súas nais na Casa Consistorial e comprobaron en directo a valía profesional das súas proxenitoras
Publicado por o día 08/03/2018 na sección de Galicia,Mos

Protagonistas infantís na mañá de actos polo Día da Muller no Concello de Mos

Esta mañá celebrouse no Concello de Mos o Día Internacional da Muller mediante unha visita ás dependencias municipais dos fillos/as das traballadoras e a lectura ás 12.00 horas dun manifesto a cargo da alcaldesa, Nidia Arévalo, das concelleiras Sara Cebreiro (edil de Política Social, Cultura, Turismo, Persoal, Réxime Interno e Igualdade) e Julia Loureiro (responsable de Participación Cidadá, Urbanismo e Mobilidade) e das funcionarias Elvira Carrera, Raquel Mouriño e Raquel González.

Á visita guiada polo Concello de Mos asistiron 18 fillos/as das traballadoras dos diferentes departamentos municipais, que puideron coñecer en detalle e de primeira man o labor e a valía profesional das súas nais. Na administración local mosense, en oficinas, traballan un 80% de mulleres e tamén son mulleres as que ocupan os principais postos de responsabilidade dentro do funcionariado.

É moita a representación feminina na plantilla de traballadores da administración local mosense, pero cómpre destacar a gran presencia de mulleres nos postos de maior relevancia, ós que lamentablemente hoxe lles segue resultando difícil ocupar ás mulleres. É é que a maioría dos departamentos deste Concello, se non están dirixidos por unha muller contan cunha técnico de alta responsabilidade entre os seus traballadores. Comezando pola secretaria municipal, que é unha muller, e continuando pola interventora, a tesoureira, a xefa de Persoal, a enxeñeira do departamento de Urbanismo, a aparelladora, a responsable do departamento de Servizos Sociais, a psicóloga, a orientadora laboral, a axente de emprego e coordinadora da Axencia de Colocación, a encargada do Arquivo e da Biblioteca Municipal, a encargada do Padrón e do Rexistro Municipal e unha policía local.

Por suposto son moitísimas máis as mulleres que traballan no Concello de Mos, pero estes exemplos constatan que o de Mos é un municipio en mans femininas e que están en mans de mulleres as xestións e decisións de maior responsabilidade, relevancia e importancia.

Tanto é así que a alcaldesa, Nidia Arévalo, é unha muller e está acompañada no equipo de goberno por outras dúas concelleiras, Sara Cebreiro, que leva as carteiras de Cultura, Turismo, Política Social, Igualdade, Persoal e Réxime Interno e Julia Loureiro, edil de Urbanismo, Participación Cidadá e Mobilidade. As representantes municipais declararon hoxe sentirse “moi orgullosas de tódalas traballadoras da administración local e de ser un Concello con tan elevada presenza feminina en postos de responsabilidade, que se atopa á cabeza dos municipios da provincia neste sentido”, dixeron.

Por todo isto o Concello de Mos pode presumir, no Día da Muller e ó longo de todo o ano, de ser un municipio xestionado por mulleres.

No manifesto lido ao mediodía no Concello a alcaldesa estivo acompañada polas concelleiras Cebreiro e Loureiro e pola enxeñeira municipal, Raquel González, a orientadora laboral, Elvira Carrera, e a administrativa Raquel Mouriño.

Previo ao manifesto municipal, as usuarias do Centro Ocupacional de EVD Galicia fixeron o seu propio, reivindicando o papel da muller con discapacidade na sociedade actual.

A rexedora local, Nidia Arévalo, comezou a lectura destacando que “nunha xornada tan significativa coma a de hoxe é obrigada e necesaria unha reflexión sobre o papel da muller na sociedade actual. Ademais de reflexionar, con este manifesto queremos homenaxear a tódalas mulleres veciñas e traballadoras do Concello de Mos. Quixera centrar as miñas palabras na fortaleza e na valía da muller de hoxe en día: calquera muller pode facer e conseguir o que se propoña ó marxe da súa idade, condición social, nivel de estudios, profesión, poder adquisitivo, características físicas e intelectuais. Calquera muller, sexa como sexa e teña as condicións vitais que teña, pode alcanzar a meta que se marque á base da capacidade de esforzo e adicación que nos caracterizan ó xénero feminino. As mulleres de Mos en particular somos un claro exemplo de esforzo e superación e de que logramos o que nos propomos. A poboación feminina mosense tivo, ten e terá un peso e importancia especiais no desenvolvemento cultural, deportivo, social e económico da nosa localidade”.