As protestas diante de Citröen volven a ser diarias

Publicado por o día 18/08/2014 na sección de CIG,Vigo

As protestas diante de Citröen volven a ser diarias

A CIG retomou esta mañá as concentracións para exixiren a readmisión de Paco e David.

Esta mañá tivo lugar ás portas da factoría de Citröen en Vigo unha nova concentración a prol da readmisión dos traballadores Paco e David, despedidos a principios do mes de xullo. O protesto realizouse logo do parada estival que supuxo a paralización da produción na fábrica.

A CIG, a través da súa federación da Industria, decidiu volver a convocar concentracións diarias de 13 a 14h. Asemade, o vindeiro día 27 de agosto o sindicato nacionalista realizará unha concentración en Madrid, diante das dependencias da sede do grupo, para reclamar unha solución ao responsábel de recursos humanos a nivel peninsular.

Desta maneira a central sindical, que insiste na súa denuncia contra a “represión sindical” e o “réxime de terror” na planta, responde a negativa da empresa a readmitir aos traballadores despedidos o pasado día 6 no SMAC. Daquela Citröen limitouse a ofrecer unha indemnización por despedimento improcedente, 45 días por ano traballado.