Protestas nos concellos contra a violencia machista

Publicado por o día 18/06/2017 na sección de Social,Vigo

Protestas nos concellos contra a violencia machista

As organizacións de mulleres, apoiadas por entidades cidadás e políticas, convocan mobilizacións en máis de 100 concellos en todo o estado. Esixen ao Goberno de Rajoy que aumente nos Orzamentos Xerais a asignación destinada ao Pacto de Estado contra a violencia machista a 120 millóns de euros.

Ante o número incesante de mulleres 41 (dúas delas na Galiza) e criaturas 7 asasinadas no que levamos de ano, o movemento feminista considera que urxe un compromiso político que se traduza nun incremento de recursos. Para reclamar, o luns 19 de xuño, a mesma semana na que chegarán o PGE ao Congreso, convocáronse protestas nos concellos desde as 12 ás 00 horas. En cada un dos concellos organizáronse diversas accións de protesta, de información á cidadanía, talleres, e a lectura da moción que se van a presentar ao Pleno Municipal.

No Proxecto de Orzamentos do Estado, as actuacións para a prevención da violencia de xénero ascenden, tras a presión dos colectivos feministas, a 31,7 millóns de euros. Iso supón un 25,7% máis que en 2016 pero continúa sendo un 2,20% inferior a 2010. Tamén se denuncia unha conxelación, en 19.741.840 euros, do Programa 232B Igualdade entre mulleres e homes, un 41,2% menos que en 2010.

Os 51,4 millóns de euros que suman ambos son o 0,011% dos gastos do Proxecto de Orzamentos do Estado. É necesario destinar máis recursos á prevención nos ámbitos educativo, sanitario e de medios de comunicación ou a atender a violencia sexual como prevé o Convenio de Istambul desde 2014?, aseguran desde as organizacións convocantes. Tamén se reclama unha mellora da resposta xudicial e que se cubra o custo dos servizos xurídicos, psicolóxicos e sociais nas entidades locais, tal e como establece a Lei de igualdade.

No caso galego está prevista a lectura dun manifesto ás 12h do luns día 19 diante dos concellos de Ames, A Coruña, Compostela, O Grove, Ribadeo,Costa da Morte, Lugo e Vilagarcía; en Vigo faremos as actividades diante do MARCO.

Nestas vilas as actividades extendereanse ao longo de toda a xornada como medida reivindicativa de presión. As organizacións convocantes fan un chamado a todas as organizacións sociais e persoas independentes que queiran a se sumaren a estas actividades.

Doutra anda a asociación Buserana ven a se unir a esta iniciativa facendo entrega en tódolos rexistros dos concellos da Costa da Morte a moción “PACTO PARA A LOITA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO” para que sexa presentada e aprobada nos plenos municipais, Desde a PFG tamén en Pontevedra, Poio e no Morrazo. Tamén na Mariña desde a Mesa Interinsitucional de violencia de xénero do Concello de Ribadeo ven de amosar o seu apoio ao manifesto.

As entidades que dan apoio á mobilización manifestan que a violencia machista é unha cuestión de Estado, que afecta á metade da poboación e que ten unha causa estrutural que é a desigualdade entre mulleres e homes. “Se non se aposta economicamente por ese Pacto de Estado, nacerá morto”, conclúen.