Proxección da película “Siempre Alice” e charla posterior sobre o Alzhéimer en Nigrán

Publicado por o día 06/06/2018 na sección de Galicia,Nigrán

Proxección da película “Siempre Alice” e charla posterior sobre o Alzhéimer en Nigrán

O Concello de Nigrán e o Grupo Oes Ves do Centro de Saúde Val Miñor ofrecen este xoves ás 19:00 horas no Auditorio Municipal a proxección da película “Siempre Alice” e posterior charla-coloquio sobre a demencia do Alzhéimer a cargo de José Ramón Lorenzo González (neurólogo e xefe de servizo de neuroloxía do Hospital Povisa) e Maxi Rodríguez (especialista en neuropsicoloxía e psicóloga de AFAGA, Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras demencias de Galicia).

“Siempre Alice” (título orixinal “Still Alice”) é un drama cinematográfico baseado na novela do mesmo título da escritora Lisa Genova, publicada no 2007 e considerada un best-seller. Foi dirixida por Wash Westmoreland e Richard Glatzer. A película é protagonizada por Julianne Moore, no papel de Alice, unha lingüista da Universidade de Columbia diagnosticada coa enfermidade de Alzhéimer de inicio temperán cuxo papel valeulle o Oscar a Mellor Actriz. Alec Baldwin interpreta ao seu esposo John e Kristen Stewart, Kate Bosworth e Hunter Parrish interpretan aos seus fillos. A película estreouse no Festival Internacional de Cinema de Toronto o 8 de setembro de 2014.