Proxección de Loving Vincent na Sede Afundación de Vigo no marco de «Sonoro empeño»

Será mañá martes 22 de outubro a partir das 19.30 h
Publicado por o día 21/10/2019 na sección de Eventos,Galicia,Vigo

Proxección de Loving Vincent na Sede Afundación de Vigo no marco de «Sonoro empeño»

No marco do proxecto multidisciplinar «Sonoro empeño. A música nas Coleccións ABANCA e Afundación», exposto actualmente na Sede Afundación de Vigo, ABANCA e Afundación organizaron unha extensa programación de actividades complementarias.

Mañá martes 22 de outubro comeza o ciclo de cinema «Sonoro empeño» conformado por cinco películas que teñen a arte como elemento común. A seguinte proxección será do filme Loving Vincent a partir das 19.30 h na Sede Afundación de Vigo. A entrada é gratuíta, pero é preciso retirar a invitación na web Ataquilla.com.

Como primeira longametraxe composta por pinturas animadas, Loving Vincent é un filme homenaxe a Van Gogh no que cada fotograma é un cadro pintado sobre óleo, tal e como o propio Vincent o fixo. Os seus 80 minutos de duración están compostos por 56 800 fotogramas que foron pintados, un a un, por excelentes pintores ao longo de varios anos, todos eles tomando como inspiración o estilo inconfundible de Van Gogh.

Esta proposta responde o propósito da entidade de potenciar as experiencias interactivas dentro das súas actividades para estender a programación máis aló da propia exposición, mostrando na práctica o diálogo permanente entre as distintas disciplinas artísticas, e trasladar a actividade cultural fose dos espazos onde se desenvolve tradicionalmente.

A EXPOSICIÓN

A través de 51 pezas asinadas por artistas como Wassily Kandinsky, Pablo Picasso, José Manuel Broto, Óscar Domínguez, Rafael Úbeda, Urbano Lugrís, Luis Seoane, Menchu Lamas, Xaime Quessada, Elena Gago ou Susana Solano entre outros, este proxecto expositivo ilustra a relación e os puntos en común que comparten a música e as artes plásticas. Mediante obras pertencentes ás coleccións de arte de ABANCA e Afundación, asume o ambicioso reto de mostrar este vínculo, un tema recorrente ao longo da historia da arte que foi obxecto de numerosas teorizacións e reflexións e deu pé a novas formas creativas.

A mostra poderase visitar ata o vindeiro 4 de xaneiro na Sede Afundación de Vigo, de luns a venres en horario de 17.30 a 20.30 h e os sábados, de 11.00 a 14.00 h e de 17.30 a 20.30 h.

Comentar noticia

Your email address will not be published.