O vindeiro xoves, día 10 agosto, levarase a cabo ás 21:00 horas na Praza das Pontes o acto denominado “Mulleres en Acción: violencia zero”, ao que asistirán a presidenta da Deputación provincial, Carmela Silva, e o alcalde de Cangas, Xosé Manuel Pazos Varela. A artista e bailarina Paula Quintas tamén estará presente, posto que presentará a súa peza ‘Plastic’, na que mostra cuestións tan relevantes como a sexualidade, a cirurxía ou a relación entre o corpo e a imaxe.
A reivindicación da igualdade de xénero e concienciar á poboación do problema que supón a violencia machista son un dos principais obxectivos que se marca o proxecto artístico “Mulleres en acción: violencia zero 2016-2017”. Aínda así, o fin principal xira en torno á unión: lograr reunir todas as forzas posibles para loitar e plantarlle cara a un dos problemas máis importantes que asolaga a sociedade de hoxe en día.
Desde o Concello reitérase o compromiso contra a violencia de xénero, defendendo en todo momento a idea dunha sociedade igualitaria entre homes e mulleres, na que non exista maltrato nin discriminación.
Noticias de última hora en Vigo