PSdG fala duns PGE 2021 históricos para o Vigo do futuro

Os Orzamentos Xerais do Estado para 2021 traen baixo o brazo  un investimento total de 113 millóns de euros para Vigo, cumprindo os compromisos coa cidade. As dúas deputadas viguesas no Congreso, Olga Alonso e Ángeles Marra, cualifican as contas estatais como “históricas para Vigo” e subliñan que, con todo, o máis importante é que sentan as bases de proxectos estratéxicos de futuro.

Olga Alonso destaca que estes Orzamentos deseñan o Vigo dos próximos anos, apuntalando proxectos que tras moito tempo paralizados botan a andar. O exemplo máis claro, incide, é a Variante de Cerdedo para contar cunha conexión ferroviaria directa con Madrid. Un proxecto, recalca, que non só beneficia a Vigo, senón a toda a provincia de Pontevedra, evitando o rodeo e a parada en Santiago. Alonso lembrou que o ADIF debe agora encargar os estudos hidroxeolóxicos porque o Partido Popular “non moveu un papel dende 2015”. “Imos atrasados porque perdemos moito tempo con Ana Pastor e Mariano Rajoy, pero agora damos un paso adiante, comezando o que o PP non quixo comezar”.

Alonso puxo tamén o acento na Biblioteca do Estado, que pasa a ter nome e apelidos no apartado de Investimentos dos PGE, así como a aposta pola Zona Franca como “axente dinamizador” de toda a área, impulsando iniciativas, sempre dende a colaboración institucional, que van ter unha fonda pegada socioeconómica. A deputada conclúe que son uns números que responden tanto á cidadanía como á industria da primeira cidade de Galicia, que precisa de dotacións e infraestruturas acordes ao seu potencial.

Ángeles Marra destacou que trátase duns “Orzamentos extraordinarios para unha situación extraordinaria” e puxo o acento en que recollen o maior gasto social da historia. “Fronte ás políticas do PP, estas contas traen cartos para Sanidade pública, Educación, pensións, dependencia, becas e, por suposto, para o Ingreso Mínimo Vital que, desgraciadamente, necesitan moitas/os viguesas e vigueses”.

Marra asiste sorprendida ás reaccións da Xunta de Galicia diante da “nova histórica” de que o Goberno de España vai facer posible a redución das peaxes na AP-9, unha medida que beneficiará a unhas 20.000 persoas diarias. “É unha medida que evidencia que o PP non traballou suficientemente polos intereses das galegas e galegos”, sentencia. Ao tempo, recalca o cambio que vai supor a gratuidade no tramo Redondela-Vigo, e lembrou que o PP prometeu esta medida en 2017, “pero foi incapaz de pasar das promesas aos feitos”. “Pedro Sánchez”, conclúe, “foi quen de liderar uns Orzamentos que corrixen o castigo sufrido por esta provincia durante os 7 anos de Rajoy”.

O proxecto de Orzamentos presentado polo Goberno introduce a previsión de 51,8 millóns de euros xestionados a través da Zona Franca para os proxectos dos polígonos de Balaídos e Bouzas, naves en Porto do Molle, edificio da rúa López Mora, construción do World Car Center, a Panificadora, o Parque Loxístico de Valadares, os edificios das rúas Areal e Oporto e obras de eficiencia enerxética. A maiores o hai 13,9 millóns en investimentos ferroviarios para a vía Vigo-Tui, o Eixe Atlántico Vigo-Santiago e a variante por Cerdedo a Madrid. Portos do Estado investirá 25,6 millóns de euros. O aeroporto de Vigo recibe outros 14,6 millóns. O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana achega 356.160 euros e, finalmente, hai 300.000 euros do Ministerio de Ciencia para o Instituto de Investigacións Mariñas e 100.000 euros para o arranque da nova Biblioteca do Estado, como principais partidas.

Noticias de última hora en Vigo

SIGUENOS EN TELEGRAM

Comentarios (0)
Publicar comentario