Publícase en liña o ‘Dicionario de ensinanza e aprendizaxe de linguas’

Realizado polo grupo interuniversitario Spertus, do que forma parte a profesora da UVigo Rosa Alonso
Por o 26/06/2019 | Sección: Galicia,Universidade de Vigo,Vigo
Publícase en liña o ‘Dicionario de ensinanza e aprendizaxe de linguas’

Concibido como un manual de referencia e consulta, acaba de publicarse en liña a versión electrónica do Dicionario de ensinanza e aprendizaxe de linguas, unha obra que contén arredor de 1400 entradas primarias que abordan os distintos campos de estudo relacionados coa ensinanza e a aprendizaxe de linguas.  Encargouse da súa realización o grupo de investigación Spertus (Spoken English Research Team), dirixido polo profesor da Universidade de Santiago de Compostela Ignacio M. Palacios e do que forman parte docentes das tres universidades galegas, entre eles, a investigadora da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo Rosa Alonso.

“Dividimos o traballo en función da especialidade de cada un de nós, algúns traballaron sobre métodos de ensino, outros sobre deseño curricular, avaliación, sistemas educativos, etc.”, explica Alonso, ao tempo que apunta que no seu caso se ocupou das entradas relacionadas coa adquisición e aprendizaxe de segundas linguas.

Traballo de longo recorrido “que require actualización constante”

As primeiras versións impresas deste traballo foron publicadas en castelán e en galego en 2007 e 2009 pola editorial EnClave e a Universidade de Santiago de Compostela, respectivamente. “Cando o dicionario se publicou comezamos a traballar na tradución ao galego. Cada un de nós traduciu as entradas que tiña escrito en castelán e, cando saíu a tradución ao galego, comezamos a traballar na versión dixital”, subliña a docente viguesa, quen fai fincapé en que é un traballo de longo recorrido “que require actualización constante” e que abarca temas relacionados co deseño e avaliación de programas e cursos de linguas, metodoloxías de ensino, formación de profesorado, factores e teorías de aprendizaxe…

Financiado cunha axuda de investigación da Xunta de Galicia, o novo volume representa unha versión revisada, completada e actualizada das anteriores edicións impresas. Contén ademais varios apéndices de materiais e enlaces electrónicos para seis linguas diferentes –inglés, francés, alemán, italiano, español para estranxeiros e galego-, así como un glosario multilingüe de todas as entradas. “Somos conscientes de que precisará actualizacións e revisións periódicas en consonancia coa evolución e cambios que se producen nunha disciplina tan dinámica como é a ensinanza e o aprendizaxe de linguas”, explican desde o equipo de redacción.

Dentro de cada entrada español/galego inclúese definición e explicación acompañadas de exemplos de distintas linguas cando se considera necesario; entradas relacionadas no caso de que sexa pertinente; referencias bibliográficas ás que se pode acudir no caso de que se queira afondar máis, e correspondencia do termo noutras linguas, ademais de en español e galego, en inglés, francés, alemán e italiano. A maiores, en breve, estarán dispoñibles tamén as correspondencias en polaco e portugués.

Comentar noticia

Your email address will not be published.