Púrpura condena as palabras machistas de Alfredo Iglesias utilizadas no pleno de Cangas e solicita a súa retirada

Insta ao concelleiro a que deixe de culpabilizar ás vítimas.
Por o 01/07/2017 | Sección: Cangas,Galicia,Social
Púrpura condena as palabras machistas de Alfredo Iglesias utilizadas  no pleno de Cangas e solicita a súa retirada
Compartir en:

Denuncia publicamente a intervención do concelleiro do PSOE Alfredo Iglesias no pleno do pasado xoves no Concello de Cangas, na que manifestou que a violencia machista “non se vai erradicar ata que as mulleres non tomen as rendas da súa vida e denuncien” .

A Asociación Púrpura solicita ao concelleiro Alfredo Iglesias e ao PSOE de Cangas que retiren de maneira pública e oficial as súas declaracións e que se absteñan de facer este tipo de manifestacións que obstaculizan o avance da loita contra a violencia machista.

Na moción presentada na sesión plenaria do pasado xoves o Concello de Cangas instaba ao Goberno do Estado a aumentar a partida orzamentaria para a loita contra a violencia machista. Na súa quenda de intervención, o concelleiro Alfredo Iglesias manifestou: “A lacra da violencia de xénero non se vai erradicar ata que as mulleres non tomen as rendas da súa vida e denuncien”. Defendeu, ademais, que a linguaxe non ten xénero. Desde a Asociación Púrpura rexeitamos este tipo de manifestacións que contrarrestan o labor de visibilización da loita contra a desigualdade.

Non podemos consentir que, a día de hoxe, un representante político do pobo de Cangas responsabilice e culpabilice ás vítimas de violencia machista e non aos seus agresores.