Púrpura organiza un club de lectura e cine feminista

A Asociación Púrpura realizará o venres 15 de decembro a primeira xuntanza do club de lectura e cine feminista. A xuntanza terá lugar na cafetería Plantaciones (R/Real, 26).
Publicado por o día 14/12/2017 na sección de Cangas,Colectivos Feministas,Galicia,Social

Púrpura organiza un club de lectura e cine feminista

No marco actual da sociedade patriarcal na que nos atopamos, Púrpura propón un espazo de debate e rede entre mulleres e homes que queiran formarse e compartir feminismo. Neste aspecto, na primeira xuntanza trataremos o filme “Figuras Ocultas” (Malfi, 2016). Unha película ambientada durante a Guerra Fría nos anos 60 en Estados Unidos. As protagonistas son mulleres negras que traballan na NASA; ao longo do filme imos observando as mentiras da meritocracia e as complicacións dobres que teñen por ser mulleres e de raza negra.

Como sempre, mulleres invisibilizadas pola historia, mulleres que non puidemos ter na nosa mocidade como referentes como tantas outras que aínda continúan no anonimato forzado da historia.

En Cangas tamén temos bo exemplo diso, pois a meirande parte do cadro de persoal da fábrica máis importante no seu día, Massó, eran mulleres. Mulleres que loitaron polo seu pan e polo seu traballo, e que despois de traballar na fábrica aínda ían a leira; era a súa segunda quenda laboral; por iso, estas xuntanzas feministas pretenden fiar a todas as mulleres e a todos os homes interesados no feminismo e en ser aliados do mesmo; pois aínda que Estados Unidos quede lonxe, as mulleres de alí parécense moito ás de aquí.

A idea é que cadaquén traia a película vista da casa e anotacións do seu punto de vista, pois non haberá proxección da mesma. E se non che deu tempo a vela…  non te preocupes! Faremos un resumo inicial que servirá de baza para poder comentar entre todas as persoas os nosos puntos de vista.

A xuntanza terá lugar na cafetería Plantaciones (R/Real, 26, Cangas, Pontevedra). Agardámosvos a todas!