Puy critica á oposición por pretender converter o Parlamento “nun plató de televisión para facer mitins”

“Ademais, a importancia que a oposición lle está dando a esta reunión da Deputación Permanente ponse de manifesto a través da ausencia dos seus portavoces parlamentarios, que preferiron dedicarse á actividade da precampaña electoral, que é o que nos toca neste momento a todos os candidatos e partidos que nos presentamos a estas eleccións”, sinalou.
Publicado por o día 19/06/2020 na sección de Partido Popular,Política

Puy critica á oposición por pretender converter o Parlamento “nun plató de televisión para facer mitins”

O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, criticou hoxe na Deputación Permanente que aos grupos da oposición pretendan converter o Parlamento galego “nun plató de televisión para facer mitins” e avogou porque o novos deputados galegos “traballen conxuntamente na inxente tarefa que nos corresponderá para superar a pandemia sanitaria provocada pola Covid-19 e devolver a Galicia á senda da recuperación económica, a cohesión social e a mellora do benestar dos cidadáns”.

Pedro Puy lembrou que “estamos nunha situación de Parlamento disolto como consecuencia da convocatoria electoral” e sinalou que “non hai antecedentes de reunións da Deputación Permanente en período electoral, salvo en casos moi concretos para a comparecencia dalgún membro do Goberno sobre cuestións moi relevantes”.

“Ademais, a importancia que a oposición lle está dando a esta reunión da Deputación Permanente ponse de manifesto a través da ausencia dos seus portavoces parlamentarios, que preferiron dedicarse á actividade da precampaña electoral, que é o que nos toca neste momento a todos os candidatos e partidos que nos presentamos a estas eleccións”, sinalou.

PROBLEMA ESTRITAMENTE EMPRESARIAL

Na súa intervención, o portavoz popular amosou a súa solidariedade cos traballadores da empresa Noa Madera. Neste sentido, explicou que “estamos a falar dun problema estritamente empresarial, a diferenza dos problemas que están a padecer nestes momentos importantes empresas galegas como consecuencia de cambios normativos ou regulacións enerxéticas desfavorables”.

Puy salientou a política enerxética levada a cabo polo Goberno galego ao longo desta lexislatura, a través da que se ofreceron axudas a 9.000 empresas e se mobilizaron investimentos por case mil millóns de euros. Neste sentido, salientou a aprobación da Lei de fomento da implantación empresarial, “que xa está a dar os seus primeiros froitos con dous proxectos que se están a tramitar na plataforma loxística industrial de Salvaterra-As Neves e no concello de Padrón, que suporán a creación de máis de 350 empregos e investimentos por valor de 60 millóns de euros”. Así mesmo, referiuse a outras medidas de apoio ao sector da aeronáutica, o naval, a industria forestal, a automoción, a enerxía eólica ou a industria láctea.

CRTVG, MEDIO DE REFERENCIA DA CRISE DA COVID-19

Respecto da Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), Pedro Puy subliñou que, tal e como se recolle na Lei de medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia, “o seu director xeral exerce as súas funcións con absoluta independencia, sen que poida recibir instrucións, directrices ou calquera clase de indicación imperativa do Goberno, os partidos políticos nin doutras institucións ou entidades”.

“Están a confundir o que é información institucional do que é información política”, afirmou Puy dirixíndose aos grupos da oposición, e salientou que durante a crise sanitaria da Covid-19 “se retransmitiron tanto as comparecencias do Presidente da Xunta como do Presidente do Goberno de España, dedicando finalmente máis tempo ás emisións do Goberno central que da Xunta”.

O portavoz popular destacou que a CRTVG “está nos postos de cabeza das canles de televisión coas que máis se identifica a súa audiencia na defensa da promoción da súa identidade cultural, chegando ao 90 por cento dos galegos que estiman que a Televisión de Galicia é a canle que máis contribúe á promoción dos valores culturais da Comunidade galega”.

Ademais, apuntou que a CRTVG “está a ser nesta crise da Covid-19 o medio de referencia informativa en Galicia, mantendo o liderado nas franxas de prime time do mediodía e situando os seus informativos entre os 25 programas máis vistos en Galicia no mes de abril”.

 

Comentar noticia

Your email address will not be published.