Puy salienta que o PPdeG incorpora á campaña electoral e ao debate no Parlamento a axenda galega de demandas ao novo Goberno de España

O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, manifestou hoxe que o PPdeG incorporará á campaña electoral e ao debate no Parlamento galego a axenda galega de demandas ao novo Goberno de España que se consideran prioritarias para Galicia, xa que van desde o pago da débeda, ao financiamento autonómico, a chegada do AVE, o futuro da industria galega ou a prestación de servizos públicos.
Publicado por o día 04/11/2019 na sección de Partido Popular,Política

Puy salienta que o PPdeG incorpora á campaña electoral e ao debate no Parlamento a axenda galega de demandas ao novo Goberno de España

“A realización destas cuestións dependen en boa medida de que futuro Goberno central sexa sensible coas peticións que se fan desde Galicia, porque o actual goberno socialista en funcións ten deixado claro que non é favorable a atender estas reclamacións”, sinalou.

Pedro Puy lembrou que no día de hoxe rematan as comparecencias previstas na tramitación do proxecto de Lei de orzamentos da Xunta para 2020. “Foron 24 persoas as que pasaron pola Comisión 3ª deste Parlamento, entre membros do Goberno galego, responsables de órganos independentes e de organismos públicos, así como os presidentes de tres deputacións provinciais, xa que a presidenta da Deputación de Pontevedra unha vez máis non cumpriu coa súa obriga legal de comparecer no Parlamento”, sinalou.

Respecto do desenvolvemento da campaña electoral, Puy salientou que o PP “estea a recuperar o espazo que perdeu nas anteriores xerais”, unha situación que se está a ver reflexada nas enquisas que publican os medios de comunicación.

MEDIDAS PRIORITARIAS PARA GALICIA

“Xunto coas cuestións xerais que deben prevalecer nunha campaña, que teñen que ver coa necesidade de que haxa un goberno estable e de que España non continúe no bucle de catro eleccións xerais en catro anos, como consecuencia da incapacidade da esquerda de chegar a acordos, en Galicia estamos incorporando unha axenda galega á campaña con actuacións que dependen en boa medida de que se faga un Goberno de España e de que este sexa sensible coas peticións que se fan desde a Comunidade galega”, manifestou o portavoz popular.

Neste sentido, lembrou que esta serie de medidas “prioritarias para Galicia” foron recollidas nun documento aprobado pola Xunta no seu último Consello e anotou que “moitas xa foron debatidas e aprobadas neste Parlamento, varias delas con votos favorables dos grupos da oposición”.

En concreto, Pedro Puy explicou que entre as demandas figuran o pago dos 700 millóns de euros que o Goberno central debe a Galicia, a reforma do sistema de financiamento autonómico, unha estratexia nacional fronte ao reto demográfico ou a defensa dos intereses galegos ante o Brexit.

“Tamén consideramos importante que nesta campaña electoral se fale de infraestruturas para Galicia, como a posta en servizo do AVE para o vindeiro Xacobeo 2021 ou a execución ou remate de autovías e estradas pendentes do Goberno central”, sinalou o portavoz popular.

SUFRIR AS CONSECUENCIAS DA FALTA DE GOBERNO

No ámbito industrial, Puy lamentou que “estamos sufrindo as consecuencias dunha falta de goberno e dunha falta de actuación no prezo da enerxía, o que provoca a dificultade para continuar de empresas para as que o prezo da luz é o principal compoñente de custos, como é o caso de Alcoa; hai que abordar con seriedade unha transición enerxética que permita a adaptación e que non provoque peches anticipados como o de As Pontes; cremos fundamental a reforma do regulamento da Lei de costas para que se manteña a seguridade xurídica e a actividade de todo o sector vencellado á costa instalado en dominio público marítimo terrestre; e tamén tomarse en serio a situación dos estaleiros de Navantia na ría de Ferrol nos vindeiros dous ou tres anos”.

Outras cuestións sobre as que se centrará o PPdeG nesta campaña e na súa actividade parlamentaria será a necesidade dun Pacto pola Educación; o incremento de profesionais na sanidade pública en prazas de difícil cobertura; o cumprimento do financiamento ao 50 por cento da Lei de dependencia; ou o apoio á celebración do Xacobeo 2021.