Qbitia posiciona a Pontevedra no eido da innovación tecnolóxica e empresarial

A empresa, con sede na Parda, creou unha plataforma de software para mercados de capital e está presente en máis de 30 países
Por o 04/01/2018 | Sección: Galicia,Pontevedra
Qbitia posiciona a Pontevedra no eido da innovación tecnolóxica e empresarial
Compartir en:

Pontevedra ábrese camiño no eido da innovación. Empresas como Qbitia, creadora dunha plataforma de software para mercados de capital, para investir en Bolsa, e que ten presencia en máis de 30 países son un bo exemplo. O alcalde Miguel Fernández Lores, acompañado pola concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías recibiu hoxe ao CEO e fundador de Qbitia, Luis Taboada.

Qbitia é unha empresa “xenuinamente” pontevedresa. Creada no ano 2011, conta con 17 traballadores e “compite a nivel internacional dende a cidade de Pontevedra, dende o barrio da Parda” subliñou o alcalde que fala da necesidade de “visibilizar que é posíbel xerar actividade económica e emprego neste mundo globalizado, dende unha cidade que en principio está fóra dos circuítos financeiros”. O éxito da iniciativa sae a luz en cifras como a de 2 billóns de dólares de investimentos xestionados pola plataforma de Qbitia e en datos como a súa presenza en mercados de capital como, por exemplo, Londres, Chicago ou Nova York.

“Pontevedra é a miña cidade e gústame estar aquí” sinalou Luis Taboada quen subliñou que el e os outros membros da empresa imaxinan “o futuro aquí”. O fundador de Qbitia -elixido un dos cen executivos, de entre 30 e 42 anos, máis influentes do Estado polo Instituto Choiseul- aproveitou para “animar á xente a que emprenda, e que emprenda desde esta cidade pois hoxe en día co ecosistema que hai baseado nas novas tecnoloxías pode facerse”. “Pódese facer calquera tipo de innovación e de calquera sector desde aquí”.

Máis información: http://qbitia.com/about-us/