Queremos para Galiza o mesmo trato que Madrid: rebaixas do 30% nas peaxes e de balde pola noite

Bará levará esta proposta ao Parlamento á espera da transferencia da AP-9
Publicado por o día 15/01/2019 na sección de BNG,Política

Queremos para Galiza o mesmo trato que Madrid: rebaixas do 30% nas peaxes e de balde pola noite

O BNG solicita que os usuarios e as usuarias da AP-9 e da AP-53 se beneficien dos mesmos descontos nas tarifas que o Goberno aprobou para as rescatadas radiais madrileñas, descontos que hoxe entran en vigor: Redución do 30% no prezo das peaxes e gratuidade no horario nocturno.

O portavoz parlamentario de Infraestruturas, Luís Bará, lembra que só no último ano as peaxes na AP9 subiron  máis do 7%,  “o que constitúe un novo abuso porque xa temos as autoestradas máis caras do Estado mentres o Goberno central fai efectiva desde hoxe a rebaixa do 30% e a gratuidade nocturna nas radiais madrileñas, que foron rescatadas con custe de 2.000 millóns de euros”.

Bará considera que se está ante “outro agravio para Galiza” e por iso o Bloque trasladará esta proposta ao Parlamento, “petición que debe ser entendida como unha primeira medida de desagravio e ir acompañada de bonificacións que teñan en conta o uso habitual, o horario e que establezan rebaixas para vehículos pesados”.

Rebaixas nas tarifas que o Bloque demanda “á espera de que se transfira a AP9, para o que reclamamos axilidade porque a xestión galega será o principio da fin da estafa das peaxes”, alega.

O deputado nacionalista tamén sinala que os incrementos das peaxes nos últimos anos, ademais de ser unha discriminación, supón un problema de seguridade viaria, “porque provocou un incremento do tráfico en vías secundarias que son moito menos seguras desde o punto de vista viario e tamén ten un impacto negativo na calidade de vida da veciñanza desas vías”