Porque queren agora un MIR na selección de profesorado?

Por o 13/02/2018 | Sección: Confederación de Anpas Galegas,Educación,Social
Porque queren agora un MIR na selección de profesorado?

As necesidades que ten o Ensino Público Galego son múltiples, e de moi diversa procedencia, pero poden resumirse nunha única solicitude: precisamos moitos máis medios materiais, humanos e técnicos dos que agora temos.
Os problemas que ten o Ensino Galego veñen todos dunha única fonte: a incapacidade da nosa Administración Educativa para fornecer á sociedade dunha educación inclusiva que atenda a todo o mundo, que resulte abonda para todas as expectativas, que contribúa á equidade de todas as persoas.

Os centros educativos que sabemos que deberiamos ter están definidos: deben ter o persoal suficiente para que as necesidades de todo o alumnado sexan atendidas do xeito que cada unha das persoas usuarias o precise, cubrindo toda a diversidade; e ese persoal debe ter a formación e os medios imprescindíbeis para desenvolver correctamente a súa función.
Fronte a esta sinxela diagnose, o que temos é un goberno, tanto en Madrid como en Compostela, que leva moitos anos recortando os medios económicos destinados á Educación Pública, precarizando constantemente o emprego docente, eliminando sistematicamente prazas de profesorado, infradotando aos centros educativos, pechando escolas, impedindo unha zonificación correcta nas vilas e cidades galegas, supeditando o rendemento educativo ás empresas de transporte escolar, impoñendo reválidas, etc, etc.

E agora queren facer un “MIR” educativo, e o conselleiro de educación fala, correlativamente, de numerus clausus en maxisterio; e a nós sorpréndenos profundamente que un representante dun goberno que leva tantos anos maltratando ao Ensino Público, veña agora dando estas solucións e dicindo que “o futuro da nosa sociedade pasa pola educación”, coma se descubrise unha verdade nova que ninguén dixeramos todos os días dende hai moito tempo.

Porque queren agora un mir na selección de profesorado?que entón, agora, esta proposta descontextualizada?, por que se vende á sociedade esta posible “solución” aos problemas educativos?; pois é simple dende a perspectiva desta Confederación: porque non teñen nin a menor idea de como resolver o grave problema no que se encontra o Ensino Público logo da súa propia xestión, e tratan de fuxir cara adiante poñendo o remedio onde non estaba, nin está, o problema, no procedemento de selección do profesorado. Estamos escoitando falar ao partido que rompeu o consenso que existía en torno á normativa educativa para impoñer unha norma que ninguén quería, e logo lanzou o bulo de que ía cambiar esa norma que eles mesmos impuxeron por un “pacto educativo” totalmente fantasma.

O Partido Popular, único responsable da LOMCE, ten abandonada a toda a comunidade educativa, presa dunha normativa que non foi quen de implantar con eficacia, pero que si foi quen de utilizar para dinamitar boa parte do que había de equitativo e democrático nos centros escolares galegos. A realidade dinos que retrocedemos en participación familiar, en calidade docente, en equidade, e sobre todo, sobre todo o demais, retrocedemos en inclusión e igualdade. E ese retroceso é consecuencia directa e única das políticas de mesquindade económica dos nosos responsables públicos.
É certo que precisamos profesorado formado, e non só para dentro de dez anos, que sería cando saísen os primeiros “mires” (supoñendo que iso mellorase a súa formación, cousa que dubidamos), senón agora mesmo; é certo que é necesario seleccionar ao profesorado con outros parámetros diferentes á clásica oposición, pero non máis que a outros sectores da función pública, simplemente ten que ver co paso do tempo; pero sobre todo é certo que precisamos saber cara onde imos, que modelo de ensino pretendemos, canto estamos dispostos a investir niso que sempre denominamos con grandes palabras, pero logo valoramos con cantidades de miseria.

Se o Ensino Público melloraría cun MIR do profesorado pode ser un debate que teñamos dentro de moito tempo, cando dispoñamos tamén dun Ensino Público no que ese sexa o seu máximo problema; mentres tanto, o discurso da comunidade educativa está moi claro: poñamos medios, apoios, compañeiros, especialistas, horas, aulas e materiais, edificios ben dotados e rateos asumibles, abramos as portas e as fiestras dos centros educativos á participación e á democracia, deámoslle nome a todo iso, nome con cifras e moedas, e convertámonos nunha sociedade que aposta de veras polo investimento en futuro, e logo xa falaremos de como se accede á función docente; porque se non modificamos o rumbo, para daquela non haberá función docente á que acceder.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.