Quince concellos de toda Galicia exhibirán filmes en galego no marco do programa Redecinema

A iniciativa da Consellería de Cultura e Educación ten como obxectivo dinamizar a nosa lingua a través do cinema

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou esta mañá en Rodeiro unha nova edición do programa de cinema de verán na rúa Redecinema, impulsado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que este ano chegará a 15 concellos pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística (RDL). Desta vez, os filmes escollidos son as (co)producións galegas O Apóstolo, Sinbad, Pérez, o ratiño dos teus soños e Mimosas. Todas as proxeccións realizaranse no exterior, agás en caso de chuvia, no que se trasladarían a espazos cubertos.

Valentín García explicou que o obxectivo desta iniciativa, −que desenvolven en colaboración as secretarías xerais de Política Lingüística e de Cultura e mais a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) − é ofrecerlle á cidadanía opcións de ocio e lecer na lingua propia de Galicia, contribuíndo así a dinamizar o seu uso. Deste xeito, e dado o público dos filmes escollidos, incídese de feito especial na poboación máis nova, de acordo coas accións que desde a Xunta de Galicia se están a realizar para impulsar o uso do galego entre nenos e mozos, que culminará coa publicación do Plan de dinamización da lingua galega na mocidade, actualmente en elaboración.

Así mesmo, o secretario xeral de Política Lingüística salientou que programas como Redecinema contribúen a achegar o cinema e a cultura polo territorio galego, neste caso aos concellos da RDL. A canda Valentín García participou na presentación o alcalde de Rodeiro, Luís López Diéguez.

Ribeira, Cerceda, A Baña, Abegondo e Carral, na provincia da Coruña; Triacastela e Sober, na de Lugo; Ribadavia e Boborás, na de Ourense; e Rodeiro e O Rosal, na de Pontevedra; son as localidades confirmadas do total de 15 concellos da Rede de Dinamización Lingüística onde se celebrarán durante todo o mes de setembro as proxeccións ao aire libre dos mencionados filmes galegos. O calendario do programa poderá verse no Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal/redecinema) e na Axenda de Cultura de Galicia (www.cultura.gal/axenda).

Dinamización lingüística

De acordo co Plan xeral de normalización da lingua galega, o programa de dinamización lingüística Redecinema persegue promover o uso do galego nas actividades lúdicas e de lecer; visibilizar a acción dinamizadora en lugares abertos e públicos; potenciar creadores e dinamizadores galegos e favorecer a incorporación da nosa lingua á programación das actividades para o verán realizadas polos concellos, ademais de apoiar e promover a industria cultural, nomeadamente a audiovisual galega e en galego.

Os destinatarios do programa Redecinema, que a Consellería de Cultura e Educación desenvolve a través da AGADIC e das secretarías xerais de Política Lingüística e de Cultura, son os concellos pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística (RDL). A RDL é unha iniciativa da Xunta de Galicia que busca a asociación voluntaria de entidades con competencia na promoción e no uso da lingua galega no ámbito local para impulsar e reforzar as iniciativas de difusión do galego. Os seus principais obxectivos son os de promover a cooperación e a coordinación das actuacións en materia de dinamización lingüística e de optimizar os recursos dispoñibles para levala adiante.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM