Quince empresas optan a realizar as obras da deputación para mellorar o cruce da costeira en O Porriño

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explica que a actuación, consistente na instalación dunha glorieta, pretende ordenar o tráfico e mellorar a seguranza viaria
Publicado por o día 18/12/2017 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia,O Porriño

Quince empresas optan a realizar as obras da deputación para mellorar o cruce da costeira en O Porriño

A Deputación de Pontevedra vén de recibir quince ofertas de empresas para realizar as obras de mellora da intersección da estrada provincial EP-2405 Cerquido-Budiño con dúas vías municipais no lugar de A Costeira, en O Porriño. Segundo manifestou o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, a actuación, consistente nunha glorieta, pretende ordenar o tráfico na zona e mellorar a seguranza viaria. A intención é que os traballos, cun orzamento total que pasa dos 220.000 euros, poida comezar na primavera.

A partir de agora as propostas das empresas serán avaliadas polos técnicos do servizo de Mobilidade, que deberán emitir informe nas vindeiras semanas. Serán analizados o programa e equipo de traballo (15 puntos), o plan de control de calidade (15 puntos), a memoria de traballo (10 puntos), e o plan de actuación ambientais (5 puntos). As empresas que acaden un mínimo de 20 puntos na parte anterior pasarán á valoración económica, onde o menor prezo ofertado obterá un máximo de 55 puntos. Unha vez estudiados todos estes criterios, realizarase unha proposta de adxudicación, que deberá ser aprobada en Xunta de Goberno, para despois asinar o contrato e realizar a acta de replantexamento.

O orzamento global da actuación é de 220.336,36 euros, dos que 198.801,60 euros están previstos para a execución da obra e a cifra restante foi destinada ás expropiacións. Segundo explica o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, a renovación deste cruce en O Porriño encaixa “nas  prioridades e eixos estratéxicos da Deputación de mellora da seguranza viaria nas estradas provinciais”. Engadiu que esta estrada no Porriño é unha das máis problemáticas da provincia plo constante tránsito de vehículos pesados que se dirixen ao parque empresarial das Gándaras e ao Centro Tecnolóxico do Automóbil.

A actuación consistirá na instalación dunha nova glorieta para reordenar o tráfico, suavizar o trazado e mellorar as condicións de visibilidade e manobra dos vehículos. Será necesario ocupar dúas parcelas privadas e unha municipal e veranse afectadas dúas construcións, un alpendre-almacén e unha marquesiña de bus na parcela municipal, cuxa demolición e nova instalación se inclúe no orzamento do proxecto.

Urbanizarase a zona con novas beirarrúas para prestar continuidade ao tránsito peonil, habilitaranse pasos de peóns e a limitación específica de velocidade baixará de 50 a 30 quilómetros hora. Tamén se instalarán oito novas luminarias tipo led que garantirán a correcta visibilidade na intersección.

Segundo destacou Benítez, se non xorden complicacións burocráticas na tramitación do contrato, as obras poderán comezar na primavera e estar listas no verán se a climatoloxía o permite.