R renova o seu acordo co Círculo de Empresarios de Galicia para avanzar en innovación e adaptación á era dixital

Na súa aposta permanente polas empresas, R prosegue a súa colaboración co Círculo de Empresarios de Galicia mediante actividades de valor engadido para o sector

Patricia García González, presidenta do Círculo de Empresarios de Galicia, e Isidro Fernández De la Calle, director de Empresas de R e do Grupo Euskaltel -do que R forma parte- asinaron esta mañá, na sede do operador galego na Coruña, a renovación do acordo de colaboración entre ambas as dúas entidades.

Con este novo convenio, R e o Círculo ratifican o seu compromiso con Galicia e a súa confianza mutua dando continuidade ás vías de colaboración xa abertas para potenciar conxuntamente iniciativas que xeren valor no tecido empresarial galego e favorezan o desenvolvemento económico da comunidade.

Encontros e xornadas, innovación e transformación

R e Círculo porán en marcha un ciclo de almorzos R, encontros dirixidos ao tecido empresarial de Galicia -empresarias/os e executivas/os- e conducidos por un convidado referente na súa actividade. Este experto compartirá a súa experiencia e coñecemento co auditorio para tentar mellorar o modelo de negocio das empresas e facilitar a súa adaptación aos cambios no mundo dixital e tecnolóxico.

O programa do ciclo centrarase en materias clave da innovación e a transformación dixital que figuran na axenda estratéxica da maioría das empresas a día de hoxe: realidade virtual e aumentada, chatbots, IoT, intelixencia artificial, Big Data, blockchain ou ciberseguridade, entre outras.

R participa, asemade, noutra serie de xornadas dedicadas aos principais retos e tendencias da economía, os mercados globais e outros contidos programados polo Círculo para achegar temas considerados de proxección na actualidade. Baixo o título Acercando el futuro e no contexto temporal da contorna económica de hoxe pero tamén do mañá exporanse preguntas como ‘cara a onde nos diriximos?’ ou ‘cales son os principais desafíos económicos que se nos presentan a nivel internacional?’

Café para emprendedores e máis cousas

No mesmo contexto deste novo convenio con R tamén ao Círculo daralle máis percorrido á súa iniciativa Start up café, ‘conectando ecosistemas’, un programa de actividades relacionado coa contorna do emprendemento e o investimento no que participan como convidados emprendedores exitosos. Eles terán oportunidade de compartir a súa historia e as claves do seu éxito; e contarán o que a eles lles tería gustado saber -pero non lles contaron- antes de iniciar a súa aventura emprendedora. A idea é habilitar e compartir un espazo onde inspirarse para crear algo novo, discutindo ideas xeniais con xente interesante nun ambiente relaxado.

Por último, R patrocinará tamén unha sesión do programa Encontros Encírculo, accións continuadas dun programa de actividades onde o Círculo é o punto de referencia. Neste caso, o título da xornada será Mapa ecosistema emprendimiento #en_construcción: tras un exercicio de análise organizarase un foro de discusión e colaboración coa idea de coordinar ese ecosistema favorable ao desenvolvemento de novas empresas en Galicia.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM