Racing Vilariño e Nigrán C.F. enfréntanse en Condomínguez no “XI Torneo Concello de Nigrán”

Trátase dun derbi organizado cada ano polo Concello de Nigrán entre os dous únicos equipos en categoría senior do municipio , O Nigrán en segunda rexional e o Vilariño en primeira.
Publicado por o día 18/08/2017 na sección de Deportes,Fútbol,Galicia,Nigrán

Racing Vilariño e Nigrán C.F. enfréntanse en Condomínguez no “XI Torneo Concello de Nigrán”

O Concello de Nigrán ofrece este sábado ás 20:00 horas no Campo Municipal de Condomínguez o derbi entre Nigrán C.F. (en Segunda Rexional) e o Racing Vilariño (recén ascendido a Primeira Rexional), trátase dos dous equipos afeccionados en máxima categoría do municipio. A entrada ao campo é de balde. Ademais, de 18:30 a 19:30 e durante o intermedio desenvolveranse no campo xogos para os máis pequenos e para as familias asistentes.

Este “XI Torneo Concello de Nigrán”foi recuperado polo actual goberno local en 2015 tras máis de catro anos sen celebrarse. “É un orgullo para Nigrán ter dous clubes representando ao municipio nesas categorías e queremos potenciar esa relación entre equipos, que xa de por si é boa, cun torneo que dende a súa orixe une ás dúas afeccións nun ambiente festivo”, explica Juan González, alcalde do municipio.

Nesta ocasión o encontro terá lugar no terreo de xogo do Nigrán C.F. (o campo municipal de Condomínguez, en Priegue) quedando o de San Pedro (Vilariño) para o ano próximo. Nas dúas últimas edicións o Vilariño resultou gañador.

O Racing Vilariño naceu en 1962 da man de Jorge Souto, veciño de Vilariño e o seu primeiro presidente. Pouco a pouco foi medrando ata contar actualmente con equipos dende a categoría babies (3 anos) ata senior afeccionado, formación que disputa o torneo. O clube presidido por Casto Moreda está formado por preto de 200 xogadores de tódalas idades e 700 socios. Pola súa banda, o Nigrán C.F. xurdiu hai máis de 15 anos tras fusionarse o Dunas e o Priegue. Nos seus 12 primeiros anos ascendeu vertixinosamente de Terceira Rexional a Preferente e actualmente está en Segunda Rexional. Só conta co equipo de afeccionados senior tras acordar unha fusión de tódalas categorías base coa E.D.Val Miñor.