“Ramonas on Tour” traerá a Pontevedra o feminismo e os valores de igualdade a través da música rock

O venres 29 de marzo a Praza da Ferrería acollerá a segunda xornada deste proxecto da Deputación con obradoiros de educación en igualdade, faladoiros culturais e concertos
Publicado por o día 20/03/2019 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia,Pontevedra

“Ramonas on Tour” traerá a Pontevedra o feminismo e os valores de igualdade a través da música rock

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou hoxe en rolda de prensa a chegada do proxecto “Ramonas on Tour” o vindeiro 29 de marzo á Praza da Ferrería de Pontevedra, tras a súa estrea en Vigo. Trátase dunha das iniciativas centrais da institución provincial deste mes de marzo ao amparo das reivindicacións do 8-M. Este espectáculo levará o feminismo por toda a provincia a través de música, cultura, obradoiros de educación en igualdade, conferencias, actividades e concertos protagonizados por mulleres.

Máis polo miúdo, tal e como sinalou a presidenta, os obradoiros con colexios da contorna da cidade de Pontevedra darán comezo ás 10 da mañá, “talleres moi interesantes nos que monitoras especialistas en relacións entre nenas e nenos traballarán cos rapaces e rapazas sobre relacións tóxicas, e así poder detectar cando ás veces eses micromachismos son relacións de control”. Ás 11.30 horas haberá un concerto didáctico a cargo das Ramonas, no que exporán, tamén aos nenos e nenas, como se forma unha banda e cales son os instrumentos que forman parte delas. Pola tarde, ás 19 horas, serán as conversas, que versarán sobre a situación da muller na industria cultural baixo o nome “Nunca máis sen nosoutras” e que contarán coa participación de Cristina V., directora do festival Ribeiro Son de Viño, Cristina García, de Esmerarte, e a pianista Noemí Salomón. Ao seu remate, a partir das 20.30 horas, terá lugar o concerto das Ramonas con convidadas, que serán mulleres do mundo da música da cidade de Pontevedra e da súa contorna, neste caso Noemí Salomón e Violeta Mosquera.

O espectáculo ‘Ramonas on tour’ está baseado en dous fitos: a aprobación en 1993 da Lei Revolucionaria de Mulleres impulsada polas mulleres zapatistas, lideradas pola comandanta Ramona, e o manifesto ‘Riot Grrrl’ que apareceu publicado no fanzine Bikini Kill, o nome da banda liderada por Kathleen Hanna, co convencemento de que as mozas constitúen a alma da forza revolucionaria que pode cambiar o mundo.

Comentar noticia

Your email address will not be published.