Realizan catas arqueolóxicas no entorno da igrexa de Lalín de arriba previas ás actuacións de rehabilitación desta área

Os restos aparecidos polo de agora son de carácter recente -tal e como sinalaron os arqueólogos- e moi habituais en traballos arqueolóxicos deste tipo
Publicado por o día 08/05/2019 na sección de Galicia,Lalín

Realizan catas arqueolóxicas no entorno da igrexa de Lalín de arriba previas ás actuacións de rehabilitación desta área

O tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Nicolás González Casares, supervisou hoxe as prospeccións arqueolóxicas que se están levando a cabo no entorno da igrexa de Lalín de Arriba. Trátase dunhas tarefas que obriga a realizar a Dirección Xeral de Patrimonio como actuación previa e imprescindible á posta en marcha do plan de rehabilitación da área histórica desta localidade incluído na estratexia Lalín Ssuma 21 cofinanciada nun 80% por fondos europeos FEDER no marco do POC-S 2014/2020.

Executáronse dúas catas, unha na zona próxima á ábside e outra no lateral sur. Como sinalou Casares, as prospeccións alongaranse aos vindeiros días en función dos materiais que poidan saír, aínda que non se agarda a aparición de elementos de valor arqueolóxico destacable. Os restos aparecidos polo de agora son de carácter recente -tal e como sinalaron os arqueólogos- e moi habituais en traballos arqueolóxicos deste tipo. O máis salientable é o descubrimento dunha estrutura de pedra que segundo indican os profesionais pode corresponderse cunha canle de auga procedente dunha fonte próxima e, en todo caso, de escasa antigüidade. Tamén se atopou unha moeda de dous céntimos do Século XIX e restos de tella e escombros da mesma época.

O plan de rehabilitación da zona histórica de Lalín de Arriba inclúe o acondicionamento e humanización das vías a base de formigón lavado que lembrará a cor da terra, intercalado con lousas granítica nas marxes e na zona central, co obxecto de dar a conformidade de camiño. Esta mellora permitirá, ademais, crear unha calzada ben marcada e cun deseño óptimo para poñer en valor a entrada á vila do Camiño de Inverno. Así mesmo, outras zonas próximas de reseñable singularidade serán humanizadas mediante diferentes pavimentos, co obxecto de darlle un aspecto máis nobre e definido. Ademais das actuacións citadas, tamén contempla importantes melloras no ámbito dos servizos tales como o soterramento da rede de tendido eléctrico e a incorporación de novas instalacións de abastecemento como gas natural, cable de telecomunicacións e melloras na separación de augas.

Comentar noticia

Your email address will not be published.