Reavívase o lume iniciado onte nunha fábrica do concello das Pontes

Publicado por o día 16/01/2018 na sección de Sucesos

Reavívase o lume iniciado onte nunha fábrica do concello das Pontes

Un incendio producido nun silo de serraduras dunha fábrica situada no Polígono Industrial de Penapurreira, en Vilavella, no concello coruñés das Pontes de García Rodríguez, mobilizou onte aos servizos de extinción. Afortunadamente, ningunha persoa resultou afectada.

Pasaban uns minutos das 19:00 horas deste luns, cando persoal da mesma empresa alertaba ao 112 Galicia dun incendio nesa fábrica. Aseguraban xa -neses intres- que non había persoas feridas.

Decontado, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia puxeron en marcha un dispositivo formado polos Bombeiros do Eume, Garda Civil e efectivos de Protección Civil da localidade. Do mesmo xeito, informaron da situación ao persoal do servizo de Medio Ambiente da Xunta de Galicia.

Unha vez extinguidas as lapas, os Bombeiros daban finalizadas as tarefas de extinción aínda que pasadas as 03:30 horas desta madrugada, foron alertados novamente polo persoal do CIAE. O lume reavivárase.

Tamén, a intervención dos efectivos de Protección Civil foi de novo requirida polo 112 Galicia.

Ao fío  das 05:30 horas os servizos de emerxencia alí desprazados indicaron que ardera unha parte superficial do contido do silo, polo que en calquera momento, podería volver a reavivarse.

Incendio nun baixo comercial

Por outra banda, en Santiago de Compostela, os Bombeiros da cidade tamén foron alertados esta noite para extinguir un lume nun baixo comercial situado na Rúa París, no Barrio das Fontiñas. Ao igual que no caso anterior, por fortuna, ninguén resultou afectado.Foron varios os particulares que, uns minutos antes da 01:00 horas chamaron ao 112 Galicia para pedir axuda. Indicaban que había moito fume na Rúa procedente dun baixo comercial e que escoitaban á xente pedir auxilio.

Con estes datos, o persoal do CIAE puxo os feitos en coñecemento dos Bombeiros que xa tiñan constancia do suceso. Así mesmo, solicitou a colaboración dos axentes da Policía Local e dos efectivos de Protección Civil. Sobre as 03:20 horas os Bombeiros daban por finalizadas as tarefas de extinción, confirmaron que ardeu material almacenado no baixo sen causar mais danos.