Recibidas 14 ofertas para optar a un espazo no primeiro andar do Mercado

Trece entraron polo Rexistro dixital do Concello e unha por correo electrónico.
Publicado por o día 08/03/2019 na sección de Galicia,Pontevedra

Recibidas 14 ofertas para optar a un espazo no primeiro andar do Mercado

A Concellaría de Mercados recibiu 14 ofertas para optar a un ou máis postos no primeiro andar do Mercado de Abastos. A concelleira Anabel Gulías explicou esta mañá que o vindeiro luns ou martes abriranse os sobres para coñecer as propostas, un proceso que poderá estar rematado a finais de mes.

Dende ese momento, e nun período duns 3 meses, farase toda a tramitación administrativa e as obras que teñan que realizar os adxudicatarios para pór en marcha o primeiro andar do Mercado cara o mes de xuño.

Anabel Gulías explicou que “a valoración do Concello é moi positiva” polo número de ofertas presentadas e adiantou que xa se está valorando as opcións que se lle poidan dar aos espazos que poidan quedar baleiros. De feito, non se descarta sacar unha segunda convocatoria.

Mentres se desenvolve o proceso administrativo e a obra de cada local, a Concellaría tamén traballará en axustar os horarios de apertura desta primeira planta do Mercado, un horario que se prolongará para que os adxudicatarios poidan dar ceas, e que se poderá ampliar aos postos da planta baixa, no caso de que queiran.