Reclamación contra a estratexia do PP para desvalorizar o Parlamento

Publicado por o día 27/11/2018 na sección de Política,PSOE

Reclamación contra a estratexia do PP para desvalorizar o Parlamento

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, trasladou á Xunta de Portavoces de hoxe a protesta polas emendas presentadas polo PP á Lei de Acompañamento, coas que pretende modificar leis que non están incluídas nun texto co que o goberno xa pretende alterar 35 leis diferentes dunha tacada. Leiceaga censurou a “estratexia de desvalorización do Parlamento” por parte do PP e da Xunta.

O responsable socialista advertiu que a Mesa da Comisión está a expensas dun ditame dos servizos xurídicos do Parlamento que, dixo, no seu caso de ser favorable ao PP “non descartamos seguir defendendo os dereitos dos parlamentarios e pedir amparo”. Alertou da gravidade da decisión do PP, que inclúe nas súas emendas a modificación, entre outras, da Lei de Caza de Galicia, da Lei do CES ou o decreto que regula os centros de menores e de atención á infancia.

Ningunha destas tres normas estaban incluídas na proposición de Lei orixinal, que incluía a cuestionable reforma de ata 25 leis sen nada que ver cos Orzamentos. Mentres, en torno a 20 emendas do PP si que afectan ás leis modificadas pola Xunta, pero tratan de cuestións que non eran obxecto da proposición de Lei orixinal e polo tanto non estaban relacionadas con ela.

Fernández Leiceaga situou esta decisión nunha “estratexia de desvalorización do Parlamento por parte do PP, seguindo a liña marcada ao impoñer na Comisión de Investigación da Sanidade un plan de traballo “de parte” e totalmente “sesgado” só cos comparecentes que lle gustan ao grupo maioritario.

Apuntou á situación do PP a nivel estatal, “falto de cariño” –dixo-, para explicar que converteran o órgano nun “cónclave” do partido, coa presenza de militantes destacados “para aplaudirse” a si mesmos. Por iso impediron a participación da xerente da Eoxi de Santiago, que xestiona o PAC da Estrada onde este verán faleceu un paciente, o médico que supostamente tiña que estar no centro ou mesmo os familiares da persoa falecida.

Fraude

O portavoz do Grupo Socialista negouse a “participar dunha fraude, unha farsa” na que o PP vai “traer a directivos do Sergas a dicir o ben que o están facendo, mentres o seu grupo parlamentario aplaude”.

Criticou unha “operación deseñada a maior gloria do conselleiro de Sanidade” e para presentar un “ditame laudatorio predeterminado”, logo de que fixeran caso omiso do “esforzo grande” da oposición por reducir o número de comparecentes mesmo con escusas “peregrinas”. Criticou así que se negaran a permitir o acceso aos familiares o mesmo día que participaba un representante das vítimas na Comisión do Marisquiño.

Os socialistas manterán sen embargo vivo o debate sobre a situación do Sergas a través dunha interpelación na próxima sesión plenaria na que analizarán o modelo sanitario do PP e a excesiva precariedade entre os seus traballadores, cun 27 por cento de temporalidade –datos IGE-. Responsabilizou ademais ao goberno galego das deficiencias na dotación de Atención Primaria e Urxencias, así como das privatizacións excesivas.

Desigualdades sociais

A sesión de control do Pleno da próxima semana estará centrada na desigualdade social de Galicia e a responsabilidade da Xunta no “efecto Mateo” que explica a acumulación de bens cando o rico faise máis rico e o pobre máis pobre. Iso é o que sucede, dixo, coa “desigualdade elevada e crecente” en Galicia, onde os salarios máis baixos non chegan aínda non chegan a niveis de 2008 e os máis altos hai tempo que xa o superaron.

Os socialistas presentarán unha proposición de Lei para introducir a responsabilidade social nas empresas que contraten co goberno galego, obrigando a que reduzan a precariedade, eviten o contrato abusivo de traballadores ou establezan criterios de respecto ao medio ambiente. A sesión plenaria incluirá ademais unha moción para afastar ás instalacións de xestión e tratamento de residuos dos núcleos habitados.

Tamén presentarán unha pregunta oral sobre a responsabilidade de Augas de Galicia na limpeza do río que anegou Viveiro o 18 de novembro, así como unha proposición non de Lei para reclamar un plan integral de formación náutico – pesqueira para a Mariña luguesa. A sesión de control ao goberno incluirá ademais unha pregunta oral sobre o incumprimento da Lei de medios públicos de comunicación de Galicia e a persistencia do control político dos informativos.