Reclámanlle á Consellaría de Educación que remate coas deficiencias do conservatorio superior de música de Vigo

A CIG instará o Comité de Seguridade e Saúde dos centros de ensino a avaliar as necesidades do inmoble
Publicado por o día 27/02/2020 na sección de CIG,Galicia,Sindicatos,Vigo

Reclámanlle á Consellaría de Educación que remate coas deficiencias do conservatorio superior de música de Vigo

O sector de Autonómica da CIG-Administración instará o Comité de Seguridade e Saúde dos centros de ensino a avaliar as necesidades do conservatorio superior de música de Vigo para obrigar a Consellaría de Educación a rematar  “dunha vez por todas” coas numerosas deficiencias que presenta o edificio.

Dende a central lembran que o pasado mes de novembro unha representación dos alumnos/as deste centro dependente da Consellaría mantiveron unha xuntanza coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, para comunicarlle o deterioro e as condicións de inhabitabilidade das dependencias do conservatorio.

Os alumnos/as acompañaron a denuncia coa presentación de fotos e vídeos nos que quedaban de manifesto as “penosas” condicións do centro: nos días de choiva a auga deslízase polas paredes interiores, o parqué está levantado, hai desprendementos do falso teito, fiestras que non pechan, portas que caen, etc.

“A delegada territorial amosouse moi interesada e manifestou o seu máis firme compromiso en adoptar as solucións necesarias, pero chegou o mes de febreiro e todo segue igual, polo que os afectados/as entrevistáronse co xefe territorial de Educación, que tampouco foi quen de darlles unha solución”.

Paralelamente, recolleron sinaturas de protesta entre o persoal docente e o alumnado e presentaron unha denuncia na Inspección de Traballo.

Agora será a CIG-Administración a que intentará forzar a Consellaría a actuar mediante unha solicitude ao Comité de Seguridade e Saúde dos centros de ensino para que avalíe as necesidades do edificio.

Fotos do desastroso aspecto do conservatorio superior de música de Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.