Recollida de residuos na praia de Rodeira

Actividade Concello de Cangas coa asociación Illa dos Ratos
Publicado por o día 06/06/2018 na sección de Cangas,Galicia

Recollida de residuos na praia de Rodeira

A actividade que se fará o vindeiro sábado 9 de xuño ten a súa motivación na actual situación dos océanos.

O día Mundial dos Océanos, que ten lugar o día 8, serve para lembrar o importante papel que xogan os océanos na nosa vida, concienciar á opinión pública sobre as consecuencias que a actividade humana ten para os océanos e poñer en marcha un movemento mundial a favor deles. Este ano o lema do Día Mundial é “limpemos os nosos océanos” e xira entorno a iniciativas para previr a contaminación por plástico.

Con esta actividade ambiental preténdese aumentar o coñecemento sobre o medio litoral, as especies que nel viven e a empatía cara os seres vivos que ven afectado o seu medio de vida polo impacto do home, e posteriormente reafirmar estes novos coñecementos e actitudes positivas organizando unha recollida de plásticos e lixo mariño na Praia de Rodeira que evidenciará o que normalmente pasa desapercibido: o impacto que temos os humanos nun medio tan importante como o mariño.

A xornada comezará ás 11:00 nas carpas que instalará a asociación ao comezo da Praia de Rodeira, cunha actividade de concienciación na que tentaremos facer chegar á xente o impacto dos plásticos no medio mariño mediante imaxes, exemplos e algunha actividade. Posteriormente dirixirémonos cara a parte final da praia para falar da importancia das dunas e todas as especies que nela viven.

Tras estas primeiras actividades de concienciación e divulgación, o grupo dividirase en distintas zonas marcadas polos monitores para poder facer unha recollida máis homoxénea e terán o cometido de ir facendo un rexistro do lixo atopado para formar parte da iniciativa da Asociación Ambiente Europeo: Coastal Clean Up

Ao remate da xornada o grupo reunirase de novo no punto de encontro inicial para valorar a  xornada e rematar coa foto de grupo que inmortalice a primeira da que esperamos, serán moitas máis limpezas.