Espazo Ecosocialista abre un período de reflexión para debater sobre a recomposición da esquerda e o papel das ecosocialistas dentro da mesma

Publicado por o día 04/06/2014 na sección de Espazo Ecosocialista,Política

Espazo Ecosocialista abre un período de reflexión para debater sobre a recomposición da esquerda e o papel das ecosocialistas dentro da mesma

O Equipo Coordinador Nacional (ECN) de Espazo Ecosocialista reuniuse para analizar o resultado das eleccións europeas.

Para Espazo estamos asistindo a un período de recomposición vertixinosa da política que require de audacia e frescura tal como demandan sectores cada vez máis amplos da cidadanía. Ademais necesitamos resituar tras as eleccións europeas tendo en conta que Espazo, o mesmo AGE, son instrumentos, e que o prioritario é como somos capaces de acertar para vertebrar a nova esquerda galega e non so medrar senón vencer.

Apoiar, no seu día, a alianza das esquerdas rupturistas que empezou por configurar AGE foi un acerto, pois serviu para definir con claridade o  campo de xogo estratéxico ata hoxe.  Sen cuestionar o papel do que segue a ser a terceira forza política por primeira vez aparece con resultados e apoios meridianamente claros unha opción, que rompe mesmo a necesidade incuestionable de alianzas co PSOE para desaloxar ó PP de concellos e Xunta como acontecía hai menos dun ano. Cuestión non baladí.

E por iso que Espazo abre un debate sobre reorientación da estratexia política de unidade e de construción do partido tendo claro que o acerto do camiñado ata aquí non nos impida acertar nos cambios a introducir.

O ECN de Espazo abriu un proceso de debate interno que realizará con xuntanzas nas súas asembleas comarcais para rematar o próximo sábado 21 de xuño nunha xuntanza do seu Consello Aberto Nacional (CAN) con carácter monográfico asembleario.

Espazo vai facer unha reflexión profunda para  responder fundamentalmente a dúas cuestións:

 –         a primeira é como AGE aborda os retos pendentes de renovación, transparencia e participación que ten ido deixando aparcados polas urxencias;

    –         a segunda, ligada a primeira, como somos capaces desde Espazo de xogar o papel renovador de ideas e de estilos que se espera de nos, ou dito de outro xeito, cal é a formula máis acaída para seguir desenvolvendo a misión pola que nacemos: construír unha esquerda galega e renovadora peza necesaria para construír unha alternativa nacional e democrática, plural e cooperativa, á dereita.