Recoñecido o descanso semanal de 48 horas e a compensación dos festivos traballados ao persoal das residencias privadas

A CIG-Servizos, xunto coas demais organizacións sindicais, presentou conflito colectivo
Publicado por o día 25/05/2020 na sección de CC.OO,CIG,Sindicatos,UGT

Recoñecido o descanso semanal de 48 horas e a compensación dos festivos traballados ao persoal das residencias privadas

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza acaba de emitir a sentenza sobre o conflito colectivo presentado polas centrais sindicais CIG, CCOO e UGT dando a razón ás reivindicacións da parte social a respecto do descanso semanal e do sistema de compensación polos festivos traballados no sector das residencias privadas de maiores de Galiza.

O Tribunal entende claramente que a empresa, cando non compense economicamente os festivos traballados, nin conxuntamente 12 feriados traballados, debe compensar cada festivo a razón de 1.3 xornadas laborais no suposto de acumulación coa vacacións anuais, ou no caso de goce independente ou acumulado inferior a 12 días festivos traballados, conforme ao establecido no propio convenio colectivo.

Así mesmo, na sentenza recoñécese que o dereito ao descanso semanal de día e medio que lle corresponde as traballadoras e traballadores terá que ser de 48 horas, evitando desta maneira solapar as 12 horas de descanso ao rematar a xornada.

Dende CIG-Servizos congratúlanse polo resultado da sentenza que afecta a miles de traballadoras e traballadores de residenciais privadas de Galiza e agardan “que as empresas do sector comecen canto antes a regularizar estas compensacións”. Hai que subliñar que estes dereitos son incumpridos de maneira sistemática polas empresas xa que así aforran cartos en contratacións a conta de sobrecargar os seus cadros de persoal que, maioritariamente, están axustados ao mínimo que lles permite a normativa.

Comentar noticia

Your email address will not be published.