Record de participación na Regata Miño Internacional con máis de 350 remeiros e remeiras

Este sábado celébrase a corenta edición desta proba en augas do río Miño

A Regata Miño Internacional rexistrará record de participación este sábado na celebración da súa corenta edición. Congregará a máis de 350 remeiros e remeiras pertencentes a 16 clubs de España e Portugal. Esta proba está organizada polo Club Remo do Miño coa colaboración do Concello de Tui, a Deputación de Pontevedra,  a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Remo.

A presentación deste evento deportivo tivo lugar este mediodía na casa do concello de Tui a cargo do alcalde en funcións, José Ramón Magán, do concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, o xefe provincial de Deportes, Daniel Benavidades, o presidente do Remo do Miño, Manuel Ángel González, e o vicepresidente do club, Luís Moroño.

José Ramón Magán, alcalde en funcións, lembrou a importante vinculación de Tui co río e co remo. Agradeceu o esforzo do Club Remo do Miño na organización desta proba ao longo destas catro décadas. Quixo destacar tamén que este ano a participación masculina e feminina estará moi igualada.

O concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, puxo de relevo o apoio do concello ás competicións deportivas, salientando que é a primeira proba con carácter anual que se celebra no calendario deportivo da cidade.

Manuel Ángel González, presidente do Club Remo do Miño e que participou coma remeiro na primeira edición da regata, destacou o gran éxito de participación que se rexistra nesta 2020, así coma o feito de que a presenza de remeiros e remeiras está case igualada. Outro dos puntos destacados por Manuel Ángel González é a presenza de catro deportistas olímpicos nesta competición, aproveitando para lembrar que nas filas do Remo do Miño hai xa catro olímpicos, Jesús González, José Ignacio Bugarín, Jacobo Moroño e Jacobo Suárez, aos que se sumará Rodrigo Conde que estará en Tokio 2020.

O vicepresidente do club organizador Luís Moroño indicou que se trata dunha proba “moi vistosa e cunha saída en liña espectacular”. Partirá dende Currás, para completar os seis quilómetros do campo de regatas até Tui.

Daniel Benavides, o xefe provincial de Deportes, lembrou o compromiso acadado o pasado mes de setembro pola Secretaría Xeral para o Deporte para organizar unha liga galega de clubs de banco móbil, e darlle así un empuxe novo a este deporte. Indicaba que Tui debe ser un dos lugares nos que se celebre unha das proba desta nova liga.

350 deportistas, 16 clubs e 56 embarcacións

A XL Regata Miño Internacional contará cunha participación de record neste 2020 ao estar inscritos 16 clubs de España e Portugal con 350 deportistas en 56 barcos que competirán en 8 con temoeiro, 4 Scull e 8 con temoneiro veterano tanto nas categoría masculina coma feminina.

Están inscritos seis clubs galegos: o Remo do Miño e o Remo Tui, o Club Mar de Noia, o Club Remo Vigo, o Ría de Marín, e o San Felipe. Competirán nove clubs portugueses: Académica de Coimbra, ADCJC Cerveira Remo, Sporting Clube Caminhense, Clube Naval Infante Don Henrique, Real Clube Fluvial Portuense, Galitos de Aveiro, Ginásio de Figueira da Foz, Viana Remadores do Lima e Sport Club do Porto. Tamén participará o club Mixto Málaga-Sevilla.

A regata máis numerosa será a do Catro Scull Masculino con 16 embarcacións, seguida do Catro Scull Feminino con 15 barcos.  Haberá 13 barcos en competición en Oito con temoneiro masculino e 4 en feminino. Por último serán 8 as embarcacións que participen no Oito Veterano Masculino.

A saída está prevista ás 11.30 h dende Currás, en Tomiño,  para completar unha distancia de 6 quilómetros até a liña de meta situada fronte á rúa Olímpicos Tudenses en Tui. A  entrega de premios realizarase ás 13 h.

Corenta anos de competición

A proba naceu hai corenta anos coma unha regata de participación aberta a calquera club da península. A primeira edición, que constaba de 16 quilómetros entre Goián e Tui, foi gañada polo Oito con Temoneiro do Remo do Miño adestrado por José Luís Méndez, cun tempo inferior a unha hora, que marcou récord nesta distancia que aínda non foi superado.

En 1981 e 1987 a organización recaía en anos alternos entre o Club Remo do Miño e o Caminhense, sendo o campo de regatas entre Goián e Tui, ou entre Carregal e Caminha.  Dende 1988 o Club Remo do Miño asume cada ano a organización desta consolidada regata que contou en 1990 coa participación das universidades de Cambrigde e Oxford, e en 2017 do equipo feminino do First and Third Trinity College Boat Club da Universidade de Cambrigde.

Restriccións no tráfico

Debido á celebración da LX Regata Miño o sábado pola mañá estará pechado o acceso ao tráfico na rúa Olímpicos Tudenses.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM