Recta final das obras de mellora da mobilidade peonil na rúa Alexandre Bóeveda

O alcalde Miguel Fernández Lores visita a zona e cualifica de “moi necesaria” a actuación “nun espazo que cada vez é mais sentido como pontevedrés”
Publicado por o día 13/12/2017 na sección de Galicia,Pontevedra

Recta final das obras de mellora da mobilidade peonil na rúa Alexandre Bóeveda

As obras de renovación do pavimento do aparcadoiro do Recintro Feiral e de mellora na accesibilidade e mobilidade peonil que se están a facer na rúa Alexandre Bóveda encaran a recta final. Ata alí achegouse hoxe o alcalde Miguel Fernández Lores, acompañado polos concelleiros de Obras e Mobilidade, Demetrio Gómez e Educación, Carme Fouces.

“Estamos rematando unha obra moi necesaria” sinalou o alcalde para engadir que o obxectivo é “mellorar a calidade urbana e a seguridade vial neste espazo que cada vez é máis sentido como pontevedrés”. Fernández Lores lembrou que “houbo épocas, e non hai tanto, nas que existía unha certa reticencia a cruzar o río pero hoxe esta parte da cidade ten moitos usos: actvidade educativa, económica, deportiva…”

As obras comezaron o pasado mes de setembro e teñen un custe de 241.000 euros. A empresa E.C Casas é a encargada de acometelas e segundo as súas estimacións estarán rematadas ao 100% no mes de xaneiro, cando se realizará a sinalización.

Inclúen as seguintes actuacións:

  • Pavimentación do aparcadoiro do Recinto Feiral, un dos aparcadoiros disuasorios de Pontevedra e que dun xeito crecente é utilizado (parcial ou totalmente) como escenario exterior de citas e eventos feirais.
  •  Arranxo e pavimentación do acceso á Xefatura da Policía Local
  • Ampliación da beirarrúa pegada ao aparcadoiro, que pasará a ter case 3 metros de 
 ancho e que incorporará o actual parterre corrido que a separa do aparcadoiro. Garante a seguridade peonil dende a avenida de Compostela á ponte das Tirantes.
  • Delimitación dun pequena senda peonil no extremo líndante coa avenida de Compostela marcada polo uso das moitas persoas que a cotio pasan por alí camiño do campus, 
zona escolar ou cara ao pavillón
  • Renovación de servizos. Nova canalización da auga ao Pazo da Cultura e arranxo do 
 desaugue duns baños do Recinto Feiral.