Recta final nas obras de mellora do firme da estrada Calvario-Garrida en Vigo

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explica que xa están rematados os traballos de rehabilitación do firme e faltan os de sinalización horizontal.
Publicado por o día 25/10/2017 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia,Vigo

Recta final nas obras de mellora do firme da estrada Calvario-Garrida en Vigo

O departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra está a rematar xa as obras de mellora da seguranza viaria da estrada provincial EP-2001 Calvario-A Garrida en Vigo. Segundo indica o deputado Uxío Benítez, están finalizados os traballos de rehabilitación estrutural do firme e faltan por iniciar os de pintado da sinalización horizontal, para o que se agardará a que as condicións meteorolóxicas sexan axeitadas.

O orzamento da mellora integral da vía ascendeu a 57.071,65 euros, sendo adxudicada á empresa Excavaciones y Construcciones Manuel Pérez Portela, que comezou os traballos hai varias semanas e finalizará dentro do prazo de execución previsto.

O obxecto da actuación consistía en limpar, rozar e reperfilar os noiros de ata catro metros de altura e marxes da estrada, así como rehabilitar a capa de firme dun treito de preto de 700 metros da vía (entre os puntos quilométricos 5+630 e 6+260) e instalar nova sinalización horizontal. Segundo apuntou o deputado Uxío Benítez, a mellora do asfalto para esta vía fora obxecto dun contrato adxudicado en novembro de 2014 que fora paralizado polo anterior goberno provincial, deixando sen facer ningún tipo de obra de mellora.

A partir de entón, o estado do firme empeorou considerablemente, polo que os servizos técnicos do departamento de Mobilidade consideraron que era precisa unha actuación.

Dada a situación do firme foi preciso incluír unha eliminación parcial da capa de rodaxe existente (non prevista no proxecto anterior). Por este motivo, e dado o tempo transcorrido coa obra paralizada, solicitouse a resolución do contrato, redactouse un novo proxecto e formalizouse unha nova contratación.