Recupérase afiliación e redúcese o paro pero estamos moi lonxe de 2019

Recuperar a actividade e o emprego perdidos deben ser as prioridades do novo Goberno da Xunta
Publicado por o día 04/08/2020 na sección de CC.OO,Emprego,Sindicatos

Recupérase afiliación e redúcese o paro pero estamos moi lonxe de 2019

O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia considera que o novo Goberno da Xunta debe priorizar a recuperación da actividade e a creación de emprego. Os datos publicados hoxe de aumento do emprego e redución do desemprego, aínda que son positivos, agochan as debilidades do mercado laboral galego: o emprego creado segue a ser de moi baixa calidade (79.926 contratos temporais asinados no último mes) e se concentra nos servizos de baixo valor engadido, o desemprego descende un 5,06% mentres que a afiliación só medra un 2%.

En opinión da secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza, a evolución do emprego en Galicia está directamente relacionada coa ausencia dun modelo produtivo de base industrial e tecnolóxica e co nefasto papel que en materia de políticas activas de emprego está a xogar o Goberno galego.

Segundo a secretaria de Emprego e Previsión Social do sindicato, urxe un “plan de recuperación económica e social” con medidas que impulsen a economía canto antes para recuperar a actividade e o emprego perdido pola pandemia derivada do COVID-19.

Paro rexistrado

Como todos os meses de xullo, o paro reduciuse en Galicia ata deixar en 175.311 o número de persoas desempregadas. En xullo había 9.343 persoas menos inscritas no Servizo Público de Emprego (un 5,06% menos) pero 24.390 mais que hai un ano. O desemprego comportase mellor en Galicia que no conxunto do Estado onde o paro diminúe nun 0,9%.
O paro redúcese mais entre os homes que nas mulleres: 5.178 desempregados menos por 4.165 desempregadas. As mulleres soportan o 57% do desemprego galego. Atendendo as idades, o desemprego baixa en 789 persoas entre as desempregadas menores de 25 anos e en 8.554 entre as maiores desa idade.

Por sectores, o desemprego redúcese en todos menos no colectivo de sen emprego anterior: na agricultura hai 226 persoas desempregadas menos, na industria 981, na construción 806 e nos servizos 7.614. Pola contra, no colectivo de sen emprego anterior medra o desemprego en 284 persoas.

Análise da contratación

En maio rexistráronse en Galicia 86.407 contratos, dos que 79.926 foron temporais ; é dicir, tan só 8 de cada 100 contratos realizados eran indefinidos. A contratación indefinida medra nun 35% no último mes mentres que a temporal medra nun 61%.

A crise na que nos atopamos se reflicte con crueza na evolución interanual da contratación cunha caída do 29% no número de contratos rexistrados: en xullo de 2019 fixéronse 121.098 contratos, en 2020 tan só 86.407.

Afiliación á seguridade social

En canto á Seguridade Social, a afiliación medra en 19.026 persoas cotizantes respecto á media do mes anterior situando o número de persoas traballadoras afiliadas en 1.005.668. A recuperación da afiliación céntrase no Réxime Xeral (17.582 afiliacións mais) que acada 776.719 afiliados e afiliadas mentres que o de Autónomos e Mar tamén rexistran crecementos pero de menor volume (962 e 483 afiliacións mais) e contan con 208.341 e 20.609 persoas afiliadas, respectivamente.

Os datos de afiliación evidencian unha lixeira melloría do mercado laboral resultado da recuperación, aínda non completa, das actividades suspendidas polo estado de alarma.

Prestacións por desemprego

No mes de maio cobraron algún tipo de prestación por desemprego 189.740 persoas. Delas, 135.675 cobran unha prestación contributiva e o resto, 54.065 subsidios. O groso das prestacións contributivas seguen correspondendo ó mecanismo dos ERTEs como garantía de mantemento de emprego aprobado polo Goberno Central e as prórrogas acordadas cos axentes sociais aínda que no mes de xullo mais de 34.000 galegos e galegas saíron do ERTE no que se atopaban.

Comentar noticia

Your email address will not be published.