Recurso ao TC polo uso da Lei de Acompañamento polo PP e a Xunta

Por o 04/03/2019 | Sección: Política,PSOE
Recurso ao TC polo uso da Lei de Acompañamento polo PP e a Xunta
Compartir en:

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, anunciou hoxe un recurso de amparo diante do Tribunal Constitucional pola decisión do PP de aproveitar o proxecto de Lei de Acompañamento aos orzamentos de 2019 para emendar ata 5 leis ou decretos que non foran incluídos polo goberno galego. O responsable socialista advirte que esta práctica “abre as portas a emendar calquera texto legal” en calquera debate lexislativo.

Fernández Leiceaga sinala que, máis alá da práctica cuestionable de utilizar a Lei de Acompañamento para encetar reformas lexislativas á marxe do debate de Orzamentos, o PP foi moito máis alá ao incluír 5 reformas lexislativas saltándose tódolos trámites parlamentarios. Ademais, impiden que a oposición poida actuar e debater sobre as mesmas, xa que “non é posible emendar as emendas” que presenta outro grupo parlamentario.

Os socialistas galegos elevan a situación así ao Tribunal Constitucional para que “estableza os límites con claridade” no uso desta fórmula parlamentaria, a das leis de Acompañamento, que fora erradicada polo goberno presidido por Emilio Pérez Touriño e recuperada por Feijóo.

O portavoz socialista alertou da gravidade da decisión do PP, que inclúe nas súas emendas a modificación, entre outras, da Lei de Caza de Galicia, da Lei do CES ou o decreto que regula os centros de menores e de atención á infancia. Ningunha delas fora afectada polo proxecto de Lei orixinal enviado polo goberno galego ao Parlamento.

Lingua

Fernández Leiceaga criticou hoxe a “grave deixazón de funcións” por parte do presidente da Xunta ao incumprir o seu “deber de defender o status da lingua galega” e os dereitos lingüísticos fixados polo Estatuto de Autonomía e da Lei de Normalización Lingüística. Acusou a Feijóo de poñerse “de perfil” na polémica porque “quere contarlle algo a Casado, a Ciudadanos e a Vox de que en Galicia non esiximos o galego nas oposicións cando é que si”.

O responsable socialista presentou unha das últimas convocatorias de oposicións ao corpo de funcionarios categoría C2, nas que a proba de coñecemento da lingua galega figura como obrigatoria. Advertiu fronte á posición do presidente da Xunta e do goberno galego de baixar a cabeza fronte á proposta de Pablo Casado de presentar unha Lei de Protección do Español, que recorda ás declaracións de Toni Cantó sinalando que o castelán estaba “desaparecido” en Galicia.

Ademais de demostrar un “descoñecemento absoluto da realidade de Galicia”, dixo, preocupa que o goberno galego se deixe “arrastrar por proclamas incendiarias arredor da lingua que non responden da sensibilidade social en Galicia”. Sinalou que a Constitución establece o dereito de usar o castelán e o deber de utilizalo, así como o dereito de utilizar as linguas cooficiais e o deber de protexelas.

8 de marzo

Fernández Leiceaga alertou ademais fronte á “ameaza de involución” dos dereitos consolidados das mulleres pola “colonización do discurso” da dereita institucional por parte da dereita estrema. O responsable socialista respondeu a preguntas dos xornalistas sobre a mobilización das mulleres prevista para o próximo venres apuntando a importancia de levar a reivindicación ás urnas nas próximas eleccións do 28 de abril.

O responsable socialista situou no haber do goberno de Pedro Sánchez o avance nos dereitos das mulleres, recuperando e reforzando as políticas de loita contra a violencia de xénero. O portavoz socialista realizou un balance do goberno de Pedro Sánchez coincidindo coa convocatoria electoral asinada hoxe, para salientar a “axenda de inclusión social e de man tendida” defendida polo goberno socialista.

Fernández Leiceaga apuntou á suba das pensións, do Salario Mínimo Interprofesional, ao reforzo da Lei da Dependencia, a supresión do copago farmacéutico par os pensionistas ou á entrada a trámite da Lei de transferencia da AP-9 a Galicia. Apuntou tamén como fito fundamental a “desaparición da escena política da sombra da corrupción” representada polo PP.

Comentar noticia

Your email address will not be published.