Un redactor da TVG pide amparo pola emisión dunha noticia súa manipulada

Eliminaron as críticas á Xunta de Galicia e un parágrafo da información.
Por o 14/03/2017 | Sección: CC.OO,Galicia,Sindicatos,TV,Vigo
Un redactor da TVG pide amparo pola emisión dunha noticia súa manipulada

O luns, 6 de marzo, o ‘Galicia Noticias Serán’ daba unha noticia premeditadamente recortada para eliminar partes que se emitiran na edición do mediodía.

Un redactor de longa traxectoria e recoñecido prestixio elaborou unha peza informativa sobre o cultivo de ostras en Galicia baseado en entrevistas feitas na Universidade de Santiago a un equipo de investigación en acuicultura. Unhas entrevistas que non buscou el, senón que, neste caso, lle asignaran a primeira hora da mañá sen tempo para documentarse no tema sobre o que versaban. Despois elaborou esta información para o programa Galicia Noticias Mediodía.

Na edición da tarde, Galicia Noticias Serán, a nova quedou «mutilada», como o mesmo traballador afirma, aínda que mantiveron a súa voz en off. Esta mutilación foi para evitar que a audiencia escoitase a declaración dun técnico que criticaba a actitude do Goberno autonómico na cría e cultivo de moluscos en Galicia. Ese técnico dicía que a Xunta está desaparecida na atención e explicaba o porqué en 22 segundos de intervención.

Tamén suprimiron o parágrafo final da noticia, que dicía: «Este especialista en cultivo de moluscos afirma que á Xunta non lle interesa aumentar a produción destas especies e lembra que nas depuradoras galegas predomina o marisco foráneo».

As escusas e argumentacións falsas en casos como este danse todo os días na redacción: a noticia demasiado longa para repetila integramente.

O comité de empresa da TVG en San Marcos esixe que cesen as prácticas de manipulación e que se poña en marcha axiña o Consello de Informativos comprometido na lei de medios. Tamén, que se asinen os traballos con rótulos onde apareza o nome da redactora ou redactor como xeito de visibilizar o traballo ben feito por parte das traballadoras e traballadores.

O comité rexeita enerxicamente este uso perverso da información elaborada por un xornalista con criterios profesionais «e non dependentes do que lles gusta oír aos gabinetes de comunicación en San Caetano».