O programa de dinamización lingüística Redecinema, que impulsa a Rede de Dinamización Lingüística da Xunta, leva desde hoxe ata o domingo os filmes ‘Sinbad’ e ‘Pérez, o ratiño dos teus soños’ a sete concellos galegos: Moraña, Abegondo, Xove, Triacastela, O Rosal, Boborás e Tomiño. As proxeccións enmárcanse na terceira edición do proxecto promovido desde a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través das secretarías xerais de Política Lingüística e de Cultura e mais da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), que inclúe ademais outros tres títulos de (co)produción galega e en galego: O Apóstolo, Mimosas e Engurras.
O filme ‘Sinbad’ poderá verse hoxe, xoves, ás 20:30 horas, no patio da Casa da Cultura de Moraña (no interior, en caso de choiva); e mañá, venres, ás 21:00 horas, no Campo da Feira de Abegondo (no centro cultural O Salón, en caso de choiva). A película, dirixida por Antón Dobao, está baseada na coñecida novela de Álvaro Cunqueiro Se o vello Sinbad volvese ás illas. Pola longametraxe desfilan coñecidos actores e actrices galegas: Xosé Manuel Olveira “Pico”, Sara Casasnovas, Mela Casal, ‘Morris’, Luís Zahera…
O segundo dos filmes que se poderán ver esta fin de semana é ‘Pérez, o ratiño dos teus soños’, que mereceu en 2006 o Premio Goya ao mellor filme de animación. Proxectarase este venres, ás 22:00 horas, na Praza do Concello de Xove (en caso de choiva, no Pavillón Municipal). O sábado estará en Triacastela (Pavillón do CEIP Eduardo Cela, 19:00 horas) e no Rosal (Auditorio Municipal, 22:00 horas). Por último, o domingo ás 19:00 horas proxectarase en Boborás (Saleta-Astureses) e, ás 20:00 horas, na Praza do Seixo de Tomiño. En todos os pases a entrada é libre e de balde ata completar a capacidade dos espazos programados.
Proxeccións en 15 concellos
Redecinema é un programa de dinamización lingüística que desenvolve os obxectivos do Plan xeral de normalización da lingua galega centrados na promoción da creatividade con base en galego e no aumento da oferta de produtos de cultura e de ocio no idioma propio de Galicia que chegará nesta edición aos concellos de Ribeira, Cerceda, Carral, Abegondo e A Baña na provincia da Coruña; Sober, Monforte, Xove e
Triacastela, en Lugo; Ribadavia e Boborás, en Ourense e mais Rodeiro, Moraña, O Rosal e Tomiño en Pontevedra. O calendario de proxeccións está dispoñible no Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal/redecinema ) e mais na Axenda de Cultura de Galicia.
A iniciativa persegue promover o uso do galego nas actividades lúdicas e de lecer; visibilizar a acción dinamizadora en lugares abertos e públicos; potenciar creadores e dinamizadores galegos e favorecer a incorporación da nosa lingua á programación das actividades para o verán realizadas polos concellos, ademais de apoiar e promover a industria cultural, nomeadamente a audiovisual galega e en galego.
Rede de Dinamización Lingüística
Os destinatarios do programa Redecinema son os concellos pertencentes á RDL, un proxecto compartido entre a Administración autonómica e local, no que tamén participan preto doutras 200 entidades que redundan na promoción do uso social do idioma propio de Galicia, co que se busca impulsar e reforzar as iniciativas de difusión do galego desde o ámbito local. Os seus principais obxectivos son os de promover a cooperación e a coordinación das actuacións en materia de dinamización lingüística e optimizar os recursos dispoñibles para levala adiante.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.