A Rede de Centros de Estudos Galegos visita en Vigo a mostra ‘Vindel, un tesouro en sete cantigas’

O programa da viaxe institucional incluíu tamén un percorrido guiado pola redondelá Illa de San Simón
Por o 27/01/2018 | Sección: Galicia,Vigo
A Rede de Centros de Estudos Galegos visita en Vigo a mostra ‘Vindel, un tesouro en sete cantigas’
Compartir en:

A Rede de Lectorados e Centros de Estudos Galegos da Xunta, representada nos responsables dos seus departamentos universitarios de ensino da lingua, da literatura e da cultura galegas fóra de Galicia, visitou hoxe en Vigo a mostra Vindel, un tesouro en sete cantigas, no marco dunha viaxe institucional que incluíu tamén un percorrido guiado pola redondelá Illa de San Simón. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, compartiu co grupo “este percorrido emblemático para a lingua e para a literatura galegas” a través do que se quere “facer partícipe a esta Rede do exterior da conmemoración da estadía do Pergamiño no Museo do Mar de Galicia”, destacou.

A visita á mostra Vindel, un tesouro en sete cantigas estivo precedida do relatorio As cantigas de Martín Códax e os vindeis neoiorquinos, a cargo de Ricardo Pichel, ex lector e profesor especialista en literatura medieval na Universidade de Alcalá. Nesta sesión tamén participou Carmen Mejía, profesora e directora do Centro de Estudos Galegos da Universidade Complutense de Madrid, presidenta da Asociación Internacional de Estudos Galegos. No encontro participaron, ademais deles, os responsables e profesorado-lector dos centros de estudos galegos das universidades de Padua, Budapest, Cáceres, Granada, do Minho (Braga) e Autónoma de Barcelona.

Proxección internacional da lingua galega

Na actualidade, o galego é obxecto de estudo en 35 universidades, das cales 27 contan con profesorado-lector asentados en departamentos coñecidos como centros de estudos galegos, que imparten materias de lingua galega adaptadas ás necesidades do alumnado de cada universidade (gramática histórica, cursos de conversa, cursos de lingua e civilización etc.). Asemade, numerosas actividades relacionadas coa lingua galega e, en xeral, co patrimonio de Galicia complementan os programas formativos.

Así, por medio de convenios de colaboración que subscribe a Administración autonómica galega desde a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, estes centros de estudos galegos en funcionamento localízanse en Alemaña, Brasil, Croacia, España, Estados Unidos, Finlandia, Francia, Hungría, Italia, Irlanda, Polonia, Portugal, Reino Unido, Rusia e Suíza.