A Rede Española de Simulación Molecular reúne en Galicia especialistas de todo o estado

Preséntanse traballos sobre ciencia de materiais, biofísica, combustibles ou métodos de obtención de enerxía limpa
Publicado por o día 20/06/2017 na sección de Universidade de Vigo

A Rede Española de Simulación Molecular reúne en Galicia especialistas de todo o estado

Especialistas en simulación molecular de toda España reúnense esta semana no Hotel Talaso Atlántico de Oia no III Workshop da Red Española de Simulación Molecular. Dende onte luns e ata hoxe 40 científicas e científicos de 12 institucións estatais reúnense para presentar traballos que abordan os últimos avances en técnicas de simulación molecular e métodos de cálculo masivo. Á fronte do comité de organización está o profesor do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Vigo Manuel Martínez Piñeiro, que explica que ademais dos participantes da rede procedentes de Huelva, Madrid, Sevilla, Santander ou Barcelona, “este ano contamos coa participación de dous investigadores invitados, Fernando Bresme, profesor do Imperial College de Londres, e José Alejandre, da Universidade Autónoma Metropolitana de México.

A rede está coordinada por Felipe Jiménez Blas, profesor da Universidad de Huelva, e ten como finalidade coordinar o esforzo de diversos grupos de investigación que traballan no desenvolvemento e a aplicación de metodoloxías para a simulación molecular de sistemas e procesos de interese físico-químico. Ao longo destas dúas xornadas, entre outros temas, os participantes coñecerán as últimas investigacións relacionadas coa ciencia de materiais, biofísica, combustibles e lubricantes ou métodos de obtención de enerxía limpa e sostible, entre outros. En concreto, presentaranse traballos sobre a adsorción en microporos de distintas xeometrías; a termodinámica da hidratación hidrofóbica; a simulación por ordenador do desenvolvemento de colonias bacterianas; a lubricación con líquidos iónicos e campos electrostáticos; a anclaxe de cristais líquidos ou o efecto da composición dos gases de combustión na captura de CO2 por nanotubos de carbono.

Esta é a terceira edición dun simposio que xa tivo como sede nas dúas anteriores ocasións a mesma localización en Galicia. Segundo explica Martínez, as anteriores citas “foron un éxito notable e a sede tense consolidado para estas reunións da rede” organizadas polos docentes da Universidade de Vigo.

Seis anos de intenso traballo da rede

A Red Española de Simulación Molecular botou a andar hai seis anos coa finalidade de crear un foro de discusión e intercambio de ideas, así como establecer as bases para a posta en marcha dunha escola de Simulación Molecular que sirva de introdución a estudantes de mestrado e primeiros anos de doutoramento. Xunto co Laboratorio de Termofísica da Universidade de Vigo, nesta rede están presentes grupos da Universidad Pablo Olavide, o Instituto de Química Física Rocasolano do CSIC, a Universidad Complutense de Madrid, a Universidad de Huelva, a de Sevilla, a Autónoma de Madrid e a Rovira i Virgili. Estes centros de investigación desenvolven o seu traballo científico arredor da descrición das propiedades da materia a nivel molecular empregando ferramentas teóricas de última xeración. Para isto, destaca o profesor Manuel Martínez, “faise uso de instalacións de centros de cálculo, para avanzar no estudo de propiedades de sistemas moleculares cada vez máis complexos”. Durante estes seis anos dende a súa posta en marcha, a rede ten desenvolvido “un número moi elevado de colaboracións internacionais, destacando pola súa moi elevada produción científica”, conclúe o docente vigués.