A Rede Galega de Teatros e Auditorios contribúe aos Venres Culturais de Carballo con sete propostas escénicas e musicais

A Xunta de Galicia cofinancia esta carteleira a través do circuíto de espectáculos que promove a Axencia Galega das Industrias Culturais
Por o 08/02/2018 | Sección: Cultura
A Rede Galega de Teatros e Auditorios contribúe aos Venres Culturais de Carballo con sete propostas escénicas e musicais

O Pazo da Cultura de Carballo ofrecerá do 23 de febreiro ao 22 de marzo unha programación semanal de espectáculos e concertos, producidos en Galicia e para todos os públicos, como parte da actividade da Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA). As funcións de Elisa e Marcela, Pitusa Semifusa e os estilos musicais, Helena: xuízo a unha lurpia, A galiña azul, Danza da choiva e Casa O’Rei, así como o concerto de De Vacas danlle forma aos denominados Venres Culturais que o escenario carballés ofrece como espazo membro deste circuíto cofinanciado pola Xunta de Galicia.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, compartiron hoxe a presentación desta carteleira, que se completa co evento musical de artistas locais RockCarballo, e que volve confirmar o Pazo da Cultura como un dos escenarios máis activos entre os máis de 40 de toda Galicia que integran a RGTA.

Así o destacou Jacobo Sutil, quen lembrou que a programación cofinanciada entre a Xunta e o Concello de Carballo continuará no mes de abril co ciclo monográfico Primavera enDanza, tamén organizado a través desta Rede e que ofrecerá unha selección de montaxes coreográficas galegas e de fóra de Galicia.

Alternativas de ocio familiar

Os Venres Culturais combinan propostas escénicas nese día sinalado da semana con outras alternativas para o público de máis curta idade nas tardes dos domingos. Así, a primeira cita será o 23 de febreiro con Elisa e Marcela, coprodución de A Panadaría co Centro Dramático Galego, que conta a historia das dúas mulleres coruñesas que formaron en 1901 o primeiro matrimonio homosexual en España. O domingo 25 terá lugar o musical Pitusa Semifusa e os estilos musicais, un espectáculo que lle ensina ao público infantil os xéneros musicais dun xeito divertido. Despois de RockCarballo, programado para 2 de marzo, chegará o día 9 Teatro do Atlántico co seu monólogo sobre a figura de Helena de Troia Helena: xuízo a unha lurpia, en tanto que para o domingo 11 está programada A galiña azul, peza baseada no conto de Carlos Casares na que a compañía Tanxarina mestura monicreques e actores.

Outra das citas agardadas é a do 16 de marzo co concerto a cargo do cuarteto De Vacas (Paula Romero, Inés Salvado, Faia Díaz e Guillerme Fernández), que regresa deste xeito a Carballo coas súas persoais e divertidas versións de temas de éxito.

Producións subvencionadas

As dúas últimas propostas desta carteleira terán lugar o 18 de marzo, con Elefante Elegante e a súa Danza da choiva, un espectáculo familiar de teatro xestual con monicreques e danza arredor do cambio climático; e o 22 de marzo, con Ibuprofeno Teatro e Casa O’Rei, a peza coa que Santiago Cortegoso completa a súa triloxía gastronómica cun xogo escénico e dramatúrxico a partir de O Rei Lear de William Shakespeare. Estas dúas montaxes contaron cunha subvención á produción escénica da Agadic.

Na súa intervención, o director da Agadic sinalou que a Rede Galega de Teatros e Auditorios esténdese a máis de 40 escenarios por toda Galicia. De feito, na súa primeira carteleira semestral para 2018, actualmente en curso, achegaralles 346 actuacións de teatro, danza, música, maxia e circo aos espectadores de 37 concellos, o que supón a contratación entre xaneiro e xuño de 106 formacións artísticas, un 90% delas galegas.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.