Redondela entregará o venres o título de Fillo Adoptivo á familia de Diego San José de la Torre

O autor viviu en Redondela até os seus últimos días tras cumplir condena na Illa de San Simón.
Por o 01/04/2019 | Sección: Galicia,Redondela
Redondela entregará o venres o título de Fillo Adoptivo á familia de Diego San José de la Torre
Compartir en:

O vindeiro venres 5 de abril o Concello de Redondela entregará á familia de Diego San José o título que o acredita como Fillo Adoptivo de Redondela. Este recoñecemento foi aprobado, cos votos unánimes do Pleno, na sesión celebrada o 29 de novembro do ano pasado.

O acto contará coa presenza de varias personalidades. Por un lado, falarán Manuel Puga sobre a relación de Diego San José con Redondela e, a continuación, o escritor Juan Manuel de Prada tratará a faceta literaria de maneira máis xeral. Por outro lado, Alejo Amoedo interpretará no piano pezas de Soutullo e as corais Voces Graves e O Piñeiral de Chapela porán voz a un acto que se agarda emotivo.

Desta maneira, a institución local quere poñer en valor os méritos literarios de Diego San José, quen destacara na prensa da República grazas ás novelas por entregas. O seu estilo, cercano ao usado polo Século de Ouro da literatura española e do que tanto gustaba, recibiu axiña unha boa acollida entre os lectores da prensa madrileña.

Durante a guerra permaneceu no bando constitucionalista e, durante un breve período de tempo, asumiu a xefatura de prensa da Dirección Xeral de Seguridade. Esta implicación e o seu recoñecido republicanismo foron motivos suficientes para ser detido, xulgado e sentenciado a pena capital. Salvou a vida grazas á intervención do xeneral Millán Astray, seguidor da súa obra literaria. A pena foille conmutada por 30 anos de presidio.

Para cumprir esta condena pediu o traslado á illa de San Simón, onde estivo até 1944. Con Redondela xa mantiña unha relación previa pois foi amigo e despois cuñado de Reveriano Soutullo. Xuntos compartiron conversas con outros veciños da vila. Ademais Soutullo poríalle música a algunhas letras de Diego San José.

Ao saír da cadea asentouse en Redondela. Aquí continuou coa escrita literaria e xornalística, mentres traballaba na empresa de José Regojo. Dedicou diversos artigos a persoeiros redondeláns (Rita Regojo, Ernestina Otero), participou da vida social (asistía ao parladoiro do Café Imperio e foi nomeado socio de honra do Casino.

O 10 de novembro de 1962 falecía na súa casa da rúa Afonso XII. Foi enterrado no Cemiterio dos Eidos e, posteriormente, trasladado ao de Mañó.

Comentar noticia

Your email address will not be published.