Redondela impulsa o emprego coa contratación de 23 persoas

O persoal contratado traballará durante 5 meses en importantes áreas municipais como son Servizos Sociais e Obras.
Por o 30/01/2019 | Sección: Galicia,Redondela
Redondela impulsa o emprego coa contratación de 23 persoas

O Concello de Redondela levará a cabo a contratación de 23 persoas para traballar nas áreas municipais que melloran directamente a calidade de vida dos redondeláns. Esta contratación correspóndese á solicitude que levou a cabo o Concello a través do Plan Concellos 2018-2019 da Deputación Provincial.

Co obxectivo de impulsar a creación de emprego na vila e contribuir á economía local, o Concello vén de decidir que as achegas da subvención se invirtan na contratación de persoal para dar un mellor servizo aos cidadáns de Redondela. Polo tanto, crearanse 23 novos postos de traballo na vila.

Os postos de traballo distribúense da seguinte maneira: 6 peóns desbrozadores, 4 barredores, 2 axudantes de servizos en actuacións eléctricas, 5 guías turísticos, 2 traballadores sociais e 4 axudantes de servizos de pavillóns. Todos eles traballarán durante un período laboral de 5 meses. A súa actividade estará orientada principalmente ao reforzo de áreas importantes como son Servizos Sociais e Obras.

Cabe destacar que o Concello levará a cabo a contratación establecendo un criterio de equiparación salarial destes 23 novos traballadores temporais en relación ao persoal do Concello. Deste xeito, establécese que o persoal contratado vaia cobrar exactamente a mesma cantidade que cobra un traballador do Concello na mesma categoría profesional.

Para a corporación municipal isto supón un “avance fundamental na creación de benestar social na vila de Redondela e para fomentar a creación de emprego de calidade”.

A contratación do persoal está prevista para o primeiro semestre do 2019. Aínda así, para iniciar o proceso de selección, que se fará a través do Servizo Público de Emprego da Xunta de Galicia en Redondela, o Concello está á espera da resolución e aprobación da axuda solicitada.

Comentar noticia

Your email address will not be published.