Redrum Teatro estrea “Idiota” no Teatro Principal de Santiago de Compostela

O espectáculo está protagonizado por Machi Salgado e Susana Sampedro. Está dirixido por Alex Sampayo sobre un texto do catalán Jordi Casanovas.
Por o 28/02/2019 | Sección: Cultura
Redrum Teatro estrea “Idiota” no Teatro Principal de Santiago de Compostela
Compartir en:

Os próximos mércores 6, xoves 7 e venres 8, o Teatro Principal de Santiago de Compostela acollerá, a partir das 20:30 h, a estrea absoluta de “Idiota”, o novo espectáculo da compañía compostelá Redrum Teatro.

“Idiota” é unha comedia negra escrita polo dramaturgo catalán Jordi Casanovas, que trata sobre a presión e a inxustiza que, na actualidade, exerce o sistema político e económico sobre os individuos.

Está protagonizada polos actores Machi Salgado e Susana Sampedro, caras ben recoñecibles polo público galego polos seus traballos en teatro e tamén en series de televisión como “Fariña”, “Dalia a Modista” ou “El Faro”.

Unha mañá, Carlos Varela, por fin cre que a súa sorte mudou: un anuncio ofrece unha chea de cartos a cambio de someterse a unha serie de probas psicológicas. Recíbeo unha atractiva doutora de orixe alemá. Comenzan as preguntas e comenza a comedia… Unha comedia que non tarda en ennegrecerse atrapando ao protagonista e ao público nunha perversa tea de araña.

A dirección vai a cargo de Alex Sampayo, director tamén coñecido polo seu traballo no sector audiovisual, no que dirixiu series como “El Internado”, “Padre Casares” ou a premiada longametraxe “Schimbare” protagonizada por Candela Peña e Luis Zahera.

Redrum Teatro é unha compañía fundada no 2009 que xa levou aos escenarios a obra de suspense “A Pensión”, protagonizada por Rosa Álvarez; os espectáculos familiares “Moito Conto”, “Roedores”, “A Nena Que Quería Navegar” e “Contos do Recreo”; as comedias “Curriculum Vitae”, “Amor Flexible” e “Noiteboa”; así como os dramas “A Canción do Elefante” e “Invisibles”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.