Reducir a revitimización, obxectivo básico da futura reforma dos delitos contra a liberdade sexual

Reflexionou sobre as diferentes proposicións e anteproxectos de lei sobre violencias sexistas
Publicado por o día 11/04/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Reducir a revitimización, obxectivo básico da futura reforma dos delitos contra a liberdade sexual

A sentenza do caso da ‘Manada’ da Audiencia Provincial de Navarra fixo que rúas e prazas de todo o Estado se enchesen de persoas amosando a súa disconformidade coa decisión xudicial que condenaba aos cinco acusados a nove anos de cárcere por un delito de abuso sexual. Así o lembraba a catedrática de Dereito Penal da Universidad de Cádiz, María Acale, no comezo do relatorio que este xoves ofreceu na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo. Non obstante, como ela mesma puntualizaba, esas manifestacións non demandaban un incremento das penas, nin rexistros de delincuentes sexuais, senón que discutían a cualificación xurídica dos feitos que tiveron lugar en Pamplona nos San Fermíns de 2017 e que socialmente son cualificados como violación.

A consecuencia deste movemento social xurdiron tres iniciativas lexislativas: a Proposición de Ley de Protección Integral de la Libertad sexual y para la erradicación de las violencias sexistas; a Ley Orgánica 5/2018 de Reforma de la LO 6/1985, del Poder Judicial sobre medidas urgentes en aplicación del Pacto de Estado en Materia de Violencia de Género e, finalmente, o Anteproyecto de Ley Orgánica de modificación del Código Penal para la protección de la libertad sexual de las ciudadanas y los ciudadanos. Na elaboración da primeira delas, impulsada por Unidos Podemos, participou a propia catedrática Acale, que explicou que os dous proxectos están agora mesmo paralizados á espera da constitución do próximo Parlamento tras as eleccións. Na súa intervención analizou as propostas destes textos e así como a polémica sentenza tratando de determinar se o actual Código Penal é quen de ofrecer ás vítimas de violencia sexual unha resposta que sexa menos revitimizante e evite así que a sexa criminalizada sexa muller agredida e “todas as mulleres que van soas, que saen pola noite e, en definitiva, as que no uso da súa liberdade ocupan uns espazos que moitos homes cren que son persoais”.

Leis ao servizo do patriarcado

A finalidade da futura reforma que atinxe aos delitos contra a liberdade sexual é reducir, minimizar ou evitar a revitimización e isto implica, segundo a catedrática da Universidad de Cádiz, a tres actores. Por unha banda, compromete ao lexislador, “que debe examinar se algo fallou para que un ordenamento igualitario teña parido unha sentenza como a da Audiencia Provincial da Navarra” sobre o caso da ‘Manada’. Por outra banda, compromete ao poder xudicial, “que debe replantexarse a interpretación do dereito igualitario e sen prexuízos de xénero” e, finalmente, á sociedade, “que debe examinar a normalización da violencia sexual en determinados contextos”.

Para María Acale estes cambios son imprescincibles para rachar cunha tradición histórica do dereito penal que sempre “penalizou ás mulleres que exercían a súa liberdade sexual”. Remarcaba a catedrática que “a historia dos códigos penais españois é un exemplo perfecto de como a lei penal se puxo ao servizo do patriarcado” con delitos como o uxoricidio, adulterio feminino ou contra a moral sexual, que sempre culpaban ás mulleres.

Agresión vs. abuso

Na conferencia, que foi presentada pola profesora Inma Valeije, un dos temas centrais foi a diferenciación entre abuso e agresión sexual, o aspecto máis polémico da sentenza da ‘Manada’. A existencia de prevalimento ou de intimidación determina unha clasificación ou outra, pero para Acale, “esa sutil diferencia no medio empregado polo autor levar a cabo o acto de contido sexual non pode ter esa brutal diferencia valorativa”. A docente aposta por unificar a regulación das agresións e os abusos, como acontece noutro tipo de delitos, “poñendo o acento na falta de consentimento da vítima e na liberdade sexual e evitando así a revitimización”.

De feito, o consentimento e a situación de superioridade dos agresores son dous dos puntos claves da sentenza da ‘Manada’, que considera que non existiu intimidación senón prevalimento. Para a catedrática da Universidad de Cádiz trátase dunha sentenza claramente machista e marcada por unha visión patriarcal (dous maxistrados consideran abuso sexual e o voto particular do terceiro solicitaba a libre absolución). Algúns destes aspectos desaparecen na sentenza posterior do Tribunal Superior de Xustiza de Navarra do 30 de novembro de 2018, na que Acale aprecia “un cambio estético considerable e tamén un cambio valorativo”, xa que tres maxistrados afirman que existiu un delito de abuso sexual con prevalimento pero outros dous sosteñen rotundamente que se tratou de violación. O TSXN tamén recoñece que a distinción entre prevalimento e intimidación é moi sutil “e que pode depender da descrición dos feitos probados”, pero esta pequena diferencia, puntualiza a docente, “cambia substancialmente a cualificación xurídica dos feitos”.

Por todo isto, é de cara á futura reforma dos delitos contra a liberdade sexual, a profesora Acale apunta a catro puntos claves nese debate: unificar os delitos de agresión e abuso sexual; mellorar o tratamento das agresións colectivas; mellorar o tratamento da submisión química e abordar o tema do acoso na rúa.