Redutores de velocidade do Plan Móvese da DEPO chegan ás estradas provinciais de Bueu e Marín

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez anunciou que a semana próxima comezarán as obras e o aglomerado de máis de 40 elementos de calmado de tráfico.
Publicado por o día 22/07/2017 na sección de Bueu,Deputación de Pontevedra,Galicia,Marín

Redutores de velocidade do Plan Móvese da DEPO chegan ás estradas provinciais de Bueu e Marín

Os redutores de velocidade do Plan de Mobilidade e Velocidade Segura (MÓVES) da Deputación de Pontevedra comezarán a instalarse en Marín e Bueu a partires da semana próxima. Segundo anunciou o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, a empresa Taboada e Ramos iniciará as obras de albañilería, aglomerado, pintado e instalación de sinalización vertical de máis de 40 elementos de calmado de tráfico, tanto dos coñecidos ‘lombos’ (pasos de peóns sobreelevados – PPS-) como dos redutores físicos de velocidade de vehículos (RFVV).

No caso do Concello de Marín, os traballos comezarán pola estrada provincial EP-1202 entre Seixo e Santo Tomé de Piñeiro, onde se instalarán tres PPS cun largo entre seis e nove metros. Despois iniciaranse dous lombos e dous redutores na estrada Marín-Penizas (EP-1201), un redutor na estrada Campo-Pardavila (EP-1203) e cinco lombos máis na vía Figueirido-Marín (EP-0019). En total, o concello de Marín, terá dez PPS e un redutor, cunha mellora das estradas valorada en 125.137 euros, na que tamén se inclúe o pintado das estradas Marín-Penizas, Seixo-Santo Tomé de Piñeiro e os accesos ás praias de Loira e Aguete e o acceso ao peirao de Aguete.

No Concello de Bueu xa se levan executando algúns traballos de albañilería para os redutores de velocidade nos últimos días, se ben a vindeira semana tamén se farán labores de aglomerado e sinalización vertical, ademáis de comezar coas primeiras mans de pintura. No caso de Bueu as melloras nas súas vías provinciais suman un total de 15 PPS e 15 RV: na estrada Alto da Portela-Beluso instalaranse dous lombos e catro redutores; en Beluso-Cabo Udra haberá dous lombos e tres redutores; en Banda do Río-Portela haberá dous lombos; en Bueu-Igrexario de Cela haberá dous PPS e outros tantos RFVV; na vía entre igrexario de Cela-Outeiro- Bueu haberá catro lombos e tamén seis redutores de velocidade; a estrada entre A Portela-Ermelo terá dous PPS e, finalmente, o acceso á praia de Lagos tamén terá un lombo.

Por outra parte, tamén están en marcha as obras dos lombos do Plan Móvese en Moaña (dez PPS e tres RFVV) e Cangas (dous PPS e cinco RFVV), onde haberá elementos de calmado de tráfico nas estradas Moaña-Verducedo, Meira-Fraga, San Benito-Domaio, Moaña-Coiro, Cangas-Coiro- Magdalena, acceso á praia de Nerga e Hío-Vilariño.

Na comarca do Morrazo o investimento global do Plan Móvese é de 398.297 euros, cos que se instalarán un total de 37 pasos de peóns sobreelevados e 24 redutores físicos de velocidade. Todos estes elementos foron deseñados de xeito concreto para cada espazo das estradas provinciais, con variacións no seu largo, con iluminación e outros elementos singulares en función das necesidades. Así mesmo, e como novidade, todos os lombos instalados pola Deputación levan unha lenda de advertencia aos peóns na primeira banda do paso de cebra: ‘Atención. Mirar Esquerda-Dereita’.

O deputado Uxío Benítez indicou que o Plan Móvese pretende calmar o tráfico con elementos físicos para diminuír a violencia viaria. O nacionalista lembrou que as actuacións do Plan Móvese estanse a realizar a raíz das solicitudes dos concellos, que despois foron supervisadas por técnicos provinciais.

O departamento de Mobilidade executará este ano preto de 600 elementos de calmado de tráfico en toda a provincia logo de recibir máis dun milleiro de peticións. Está previsto que cara ao próximo exercicio se realice unha segunda fase do plan logo do éxito e bo acollemento da primeira edición.