Reformaran o programa de Vivendas Baleiras para dinamizar o alugueiro nos concellos cunha maior demanda

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda salienta que para incentivar a participación dos propietarios de inmobles se prevén axudas de ata 8.000 euros, coberturas e subvencións para arranxos, así como o acceso a préstamos para a rehabilitación sen xuros
Publicado por o día 27/01/2021 na sección de Xunta de Galicia

Reformaran o programa de Vivendas Baleiras para dinamizar o alugueiro nos concellos cunha maior demanda

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reformará o programa de Vivendas Baleiras para facilitar o acceso a unha vivenda en alugueiro, sobre todo naqueles concellos nos que se rexistra unha maior demanda, como é o caso das cidades. Así o adiantou esta tarde a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, no Pleno do Parlamento, onde deu conta das distintas iniciativas do Goberno galego para dinamizar o parque de vivendas baleiras na Comunidade galega.

Explicou que o Instituto Galego da Vivenda e Solo xestionará directamente este programa de alugueiro social para o que é necesario mobilizar o parque (de vivendas baleiras) existente en Galicia, pero evidentemente dando as máximas das garantías aos propietarios. Recordou que esta é a esencia do programa posto en marcha polo Goberno galego en 2016 e a disposición dos concellos, polo que apelou novamente á colaboración por parte das administracións locais, ás máis próximas ao territorio e aos veciños, para conseguir entre todos que esta iniciativa sexa efectiva.

Reiterou que a colaboración e participación dos concellos, sobre todo das grandes cidades, é imprescindible e necesaria para coñecer as necesidades e demandas dos veciños, así como achegar os beneficios deste programa aos propietarios de inmobles baleiros.

Grazas a este programa, que xestionará o Goberno galego, fomentarase o arrendamento con axudas de ata 8.000 euros para os propietarios que se sumen; aos que tamén se lles blinda seguridade xurídica, a través de diferentes coberturas, axudas para arranxos ou prioridade no acceso aos préstamos para rehabilitación sen xuros; ao mesmo tempo que se dan garantías aos arrendatarios ao establecer rendas limitadas e axudas a inquilinos con maiores dificultades económicas.

Ángeles Vázquez salientou que se trata dun programa que conta co apoio de axencias e administracións de propiedade inmobiliaria e, en definitiva, trátase de habilitar fogares para aquelas persoas e familias que máis o necesitan e sobre todo naquelas zonas onde é preciso actuar, nas cidades.

Nese sentido, o Goberno galego -a través do instituto Galego de Vivenda e Solo- apostou por deseñar un novo programa orientado á mobilización de vivendas baleiras grazas a incentivos e garantías para os propietarios que decidan alugalas e que se inclúe como unha das novidade do Plan Social pola Vivenda 2021-2025, que recolle preto de 50 accións e que prevé un investimento directo duns 433 millóns, o que suporá unha mobilización, entre fondos públicos e privados, de 1.083 millóns de euros.

Destacou que esta nova folla de ruta en materia de vivenda que impulsa a Xunta de Galicia conta coa apoio dos concellos, a través da Fegamp, do Colexio Oficial de Arquitectos, dos axentes da propiedade inmobiliaria, os aparelladores e arquitectos técnicos, o Consello Galego de Consumidores e Usuarios, o Colexio Oficial de Administradores de Fincas, a Asociación galega de cooperativas de vivendas, os construtores e os promotores de vivenda.

Por último, a conselleira aclarou que o programa de Vivenda Baleiras non foi a única iniciativa posta en marcha pola Xunta para habilitar vivenda en Galicia, pois a través da rehabilitación tamén se facilita o acceso á vivenda e a modo de exemplo citou o programa Rexurbe, co que se están a recuperar 65 inmobles nos concellos de Ferrol, Betanzos, Lugo, Vilalba, Mondoñedo, Viveiro, Ourense, Tui e Ribadavia; axudas para rehabilitar vivendas de mestres e titularidade municipal, grazas as cales se actuou en 125 vivendas e, por último, as Áreas de Rehabilitación Integral (ARI), con 70 declaradas en 46 concellos e 3 ARIS supramunicipais.