Regades avanza o proxecto de crear en Vigo un gran Centro de Negocios e viveiro de empresas

Publicado por o día 06/11/2019 na sección de Galicia,Vigo

Regades avanza o proxecto de crear en Vigo un gran Centro de Negocios e viveiro de empresas
Abrir en Vigo un gran centro de negocios e viveiro de empresas que potencie a economía dela cidade, instalar no polígono de Balaídos electrolineras e paneis solares para a xeración de enerxía limpa e promover un parque de medianas superficies comerciais na ampliación do Parque Tecnolóxico son algúns dos novos proxectos de Zona Franca que esta mañá adiantou David Regades no transcurso do coloquio organizado pola Asociación de Novos Empresarios de Vigo.
 
Durante este encontro empresarial, o Delegado tamén expuxo detalladamente como será a pista de probas para os novos vehículos autónomos que, a pedimento do CTAG, Zona Franca quere levar a cabo nos terreos do concello das Neves que quedaron excluídos da ordenación da PLISAN. “Todo o sector da automoción aposta pola urxencia deste proxecto para afianzar a competitividade das nosas empresas e enxeñerías e que ademais dará utilidade a ese millón de metros cadrados que non podemos deixar en baldío por máis tempo” dixo Regades quen tamén explicou que para avanzar na urbanización da PLISAN “estamos pendentes da aprobación, por parte da Xunta, da fase 2 para comezar as obras”. Como xa se fixo público, as primeiras empresas que se instalarán nesta gran superficie son Albo e Beta Implants “un exemplo de como traballamos a favor do tecido produtivo en Zona Franca xa que esta última naceu de dous veterinarios que tiñan unha idea e hoxe é outro caso de éxito e un orgullo para a Zona Franca porque naceu e creceu en parte grazas ao apoio da aceleradora ViaGalicia e na PLISAN dará o gran salto como empresa de prestixio internacional” dixo Regades. Presentes no almorzo tamén se atopaban os empresarios de Netun Solutions que co seu famoso dispositivo “ Help flash” tamén serviron como exemplo de emprendores que grazas ao apoio da aceleradora de Zona Franca hoxe son empresa de éxito.
 
Durante o coloquio falouse da eficacia dos programas de aceleración que ten en marcha a Zona Franca, quizais a parte da actividade da institución máis coñecida por AJE, e que Regades ampliou explicando os novos programas de VinoExterior, posto en marcha este mes pasado e MarExterior “que nace dunha demanda de empresas ligadas ao sector do mar e que esperamos poñer en marcha antes de final de ano”.
 
Sobre os novos chans empresariais o Delegado destacou que “estamos na fase final da ampliación do PTL. 250 mil metros cadrados onde faremos un parque de medianas que queremos sexan un complemento ao comercio local” dixo para engadir que “queremos que veñan empresas atractivas para atraer a clientes non só de Vigo e a súa área, senón tamén do norte de Portugal con todo o que iso conleva de xeración de riqueza para a cidade”