Regades: “Digna Rivas é a garantía da presencia da Zona Franca en Redondela, que será efectiva a partir do domingo coa súa chegada á alcaldía”

O secretario xeral provincial e delegado do Goberno na Zona Franca de Vigo e a candidata á alcaldía mantiveron un encontro con axentes económicos de Redondela
Publicado por o día 24/05/2019 na sección de Galicia,Política,PSOE,Redondela

Regades: “Digna Rivas é a garantía da presencia da Zona Franca en Redondela, que será efectiva a partir do domingo coa súa chegada á alcaldía”

Diferentes integrantes da Asociación de Empresarios de Redondela mantiveron este xoves un encontro con David Regades, secretario xeral provincial, e Digna Rivas, candidata socialista á alcaldía da vila.

“A Zona Franca é unha ferramenta para o desenvolvemento económico e temos que poñela a traballar ao servizo de Redondela”, sinalou Rivas, que lembrou que ata a chegada de Regades ao cargo de delegado do Goberno no ente desde hai 11 meses tras o nomeamento por parte de Pedro Sánchez, o ente era un gran descoñecido para a maioría da poboación, sectores produtivos incluídos.

Regades, que afirmou que Zona Franca “non pode nin quere estar de costas a Redondela”, expuxo as diferentes ferramentas das que consta a institución, como poden ser ViaGalicia, ViaExterior ou Vigo Activo, tres das principais liñas da actuación do ente. O delegado do Goberno no Consorcio Zona Franca de Vigo tamén se puxo a disposición das e dos empresarios e comerciantes para manter con eles reunións individuais e personalizadas e poder así afondar en cales dos servizos que ofrece o ente se poden adaptar mellor ás súas liñas de negocio. “Temos que poñer todos os recursos que poidamos a traballar para que a economía siga medrando e se cree emprego nesta vila”, apostou Regades.

Rivas, pola súa banda, defendeu que a súa vontade e “rematar o traballo que empezamos” ao principio da campaña, converténdose en alcaldesa a partir do próximo domingo ofrecendo “honestidade, traballo e igualdade”.

“Vou a exixir a todas as institucións que garantan os dereitos e necesidades das veciñas e veciños de Redondela”, sostivo a candidata socialista, expresando que será máis fácil ao contar coa “proximidade” da Deputación de Pontevedra, do Goberno de España, da Zona Franca e do alcalde de Vigo, Abel Caballero, e a área metropolitana.