Regades estuda abrir Zona Franca ao comercio con Colombia e participar no 2º Congreso de Seguridade Industrial 4.0

Publicado por o día 03/09/2018 na sección de Galicia,Vigo

Regades estuda abrir Zona Franca ao comercio con Colombia e participar no 2º Congreso de Seguridade Industrial 4.0

Preparar unha misión comercial inversa co concello de Caldas de Reis que traerá a representantes políticos e empresariais do departamento colombino de Caldas e estudar a colaboración de Zona Franca con Ageinco para a celebración en Vigo do 2º Congreso Internacional sobre PRL e Seguridade Industrial 4.0 foron as materias que centraron as reunións de traballo do delegado David Regades.

Co tenente de alcalde de Caldas de Reis, Regades analizou as posibilidades que se poden abrir en Zona Franca á misión comercial que virá o día 12 desde Colombia con motivo das celebracións do 250 aniversario do nacemento do científico Francisco José de Caldas, prócer da independencia do país centroamericano bañado polos dous océanos. O próximo día 12, desde Colombia virán empresarios e políticos do departamento de Caldas do país americano que están moi interesados en estudar as posibilidades de comercio de café e ron para as grandes distribuidoras de alimentación de Galicia.

Por outra banda, expor a colaboración co 2º Congreso Internacional sobre riscos laborais e seguridade industrial 4.0 foi o eixo central da reunión que a directiva de Ageinco mantivo esta mañá co delegado David Regades e co director dos Servizos Técnicos e de Obras de Zona Franca. Durante o encontro tamén se comentaron os proxectos futuros que ten o Consorcio e que son de gran interese para as empresas de enxeñería, consultoría e de servizos tecnolóxicos.