Regresan as mozas e mozos da primeira mobilidade do proxecto “Practicum Depo 2016”

O grupo, integrado por 20 persoas, realizou as súas prácticas de formación profesional en Malta, Reino Unido, Italia e Portugal.
Publicado por o día 21/08/2017 na sección de Deputación de Pontevedra,Educación,Galicia,Pontevedra

Regresan as mozas e mozos da primeira mobilidade do proxecto “Practicum Depo 2016”

As máis de 20 mozas e mozos que participaron na primeira mobilidade do proxecto “Practicum Depo 2016” para a realización de prácticas de formación profesional en países da Unión Europea están a regresar á provincia de Pontevedra estes días. En total, o grupo tivo a oportunidade de completar a súa formación práctica en países como Malta, Reino Unido, Italia e Portugal.

O proxecto “Practicum Depo 2016” está a permitir que un grupo de 101 estudantes e 5 docentes de centros educativos que imparten ciclos formativos de formación profesional teñan a oportunidade de realizar as súas prácticas e intercambiar experiencias docentes durante 6 meses en diferentes países da Unión Europea. O primeiro grupo, composto por 20 mozas e mozos, está regresando xa á provincia e o segundo así o fará entre setembro e outubro. O terceiro grupo de estudantes, integrado por unha decena de mozas e mozos están desde xullo en Italia e Irlanda realizando a súa mobilidade e o último grupo, composto por 72 alumnas e alumnos, comezarán o vindeiro setembro.

A Deputación de Pontevedra está tamén a poñer en marcha o novo “Practicum Depo 2017” que levará a 93 mozas e mozos e profesorado de 33 centros educativos de formación profesional da provincia a coñecer as prácticas realizadas noutros países de Europa ata o 31 de maio de 2019. Máis polo miúdo, recentemente se asinou o convenio de subvención co SEPIE (Servicio Español para la Internacionalización de la Educación) para a execución do novo programa para o que se ten proxectado realizar formación no ámbito do emprendemento, fomento do autoemprego así como aumento da innovación.

Para “Practicum Depo 2017” estase a ampliar o campo de acción dos lugares de destino, traballando coa Axencia Nacional Finlandesa para a Educación (EDUFI) ou o Institute New Age Education de Eslovenia. Ademais, a Deputación de Pontevedra tamén está a establecer contactos con empresas concretas de países como Escocia, Holanda ou Bélxica.

Os obxectivos desta nova edición de “Practicum Depo 2017” son facilitar a adquisición de experiencia profesional a niveis internacionais, aumentar os coñecementos innovadores e o espírito empresarial nos e nas participantes e fomentar a práctica e mellora dun segundo idioma e a obtención de vocabulario técnico do sector profesional no que pretenden introducirse. Ademais, Practicum Depo pretende axudar a resolver o déficit de competencias na provincia, cun forte carácter rural. Desta maneira desde a Deputación póñense os medios para que a mocidade do rural estea en igualdade de oportunidades para formarse de cara á súa inserción nun mercado laboral cambiante e competitivo.